Actualidade Dead Island 2 cambia de mans e pasa a ser responsabilidade de Dambuster Studios

Dead Island 2 cambia de mans e pasa a ser responsabilidade de Dambuster Studios

Hai títulos que parecen destinados a non saír, ou ben a provocar máis problemas que alegrías. Dead Island 2 figura nesa lista. Ao longo dos últimos anos, moitos foron os rumores sobre a súa posíbel cancelación, pero o seu desenvolvemento continuou. Agora, THQ Nordic confirmou no seu último informe financeiro esta decisión, pero tamén sinala que será Dumbuster Studios o que continúe dando forma a esta obra.

Este grupo de traballo está configurado por un equipo interno de Deep Silver, sendo o terceiro estudio — Yager foi o primeiro, Sumo Digital o segundo— en facerse cargo dun proxecto anunciado no 2014 e que leva un lustro no forno. Por suposto, non existe, nin se agarda, unha data aproximada para a súa saída, xa que tampouco se coñece o estado real do título.

Un futuro máis alentador

Non todos son malas ou regulares noticias. O informe publicado pola compañía con sede en Viena tamén trouxo outras novas interesantes, como a adquisición de tres novos estudios ou os plans de futuro de Volition e 4A Games.

O primeiro nome é ben coñecido dentro da industria grazas ao seu traballo coa franquía Saints Row. Segundo parece, xa se están a traballar nunha nova entrega para a mesma, aínda que non se fixo ningún anuncio oficial con datos ou detalles respecto deste asunto. O último capítulo da saga foi Saints Row IV, lanzado no 2013, onde a acción nun mundo aberto antóllase case infinita.

Doutra banda, 4A Games é posíbel que non precise tampouco presentación, ao tratarse dos responsábeis da saga Metro, que toman como base a novela homónima de  Dmitri Glujovski. O estudio xa estaría a traballar nun novo título da franquía rusa. Por suposto, non hai máis detalles. Non é estraño. Metro Exodus viu a luz este 2019 e malia que a aposta segura sería dicir que continuarían creando obras deste universo post-apocalíptico, calquera desenvolvemento estará nunha fase temperá non, o seguinte. Haberá que esperar para ter noticias reais sobre a próxima obra.

Metro Exodus continúa en PC sendo unha exclusiva de Epic Store.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.