Death Stranding amosa no TGS novas personaxes

Death Stranding amosa no TGS novas personaxes

Houbo que esperar case ata o final do Tokyo Game Show para comprobar cos nosos ollos a existencia de novidades no actual proxecto de Hideo Kojima, Death Stranding. Un novo fragmento do xogo foi feito público e nel dáse a benvida a unha personaxe interpretada polo actor Troy Baker.

Este estadounidense é unha das caras máis coñecidas do mundo dos videoxogos (ou polo menos a súa voz) xa que ten interpretado a personaxes coma Joel de The Last of Us, Sam Drake de Uncharted ou Revolver Ocelot en Metal Gear Solid.

Se Death Stranding xa tiña todos os boletos para colocarse como un dos xogo máis misterioso do momento, este adianto aporta outro tanto nesa liña. Ante Norman Reedus (o actor tocado pola fama a través da serie The Walking Dead) aparece un novo inimigo, ou iso parece nunha primeira ollada. Este ser, cunha máscara dourada cadavérica posúe algún tipo de poder ou tecnoloxía e invoca o que semella un león xigantesco que ben podería ser un xefe final de Bloodborne. Bromas aparte, este adianto parece confirmar a presenza tamén de certas habilidades únicas á hora de lograr cousas imposibles ou fóra de toda lóxica física, o que engadiría un elemento fantástico ao mundo de Death Stranding, indo máis aló da ciencia ficción.

Na mesma presentación, Kojima tamén desvelou outra persoaxe (tan só cunha ilustración) que será interpretada polo actor Tommie Earl Jenkins.

 

Nova persoaxe interpretada por Tommie Earl Jenkins, deseñada por Yōji Shinkawa

Norman Reedus, por Yōji Shinkawa, como protagonista do título

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados