Death Stranding confirma a súa data de lanzamento para PC

A editora 505 Games confirmou esta semana que a última obra de Hideo Kojima, Death Stranding, estará dispoñíbel para a súa compra en PC a partir do 2 de xuño. Poderase adquirir en Epic ou en Steam, incluíndo diversos engadidos que non existen na versión de PlayStation 4.
Cales son estes elementos novos? Segundo o indicado na ficha de Steam, o título de mundo aberto de Kojima Productions incorporará en PC un modo foto, melloras na taxa de frames e soporte para monitores ultra-panorámicos. Ademais, tanto se é mercado en Steam ou en Epic, tamén poderán ser descargados interesantes extras, mesmo os que o adquiran despois da estrea oficial:
- Versión dixital da edición expandida da música oficial de Death Stranding, creada por Ludvig Forssell, a cal inclúe 10 pistas xamais lanzadas antes
- Seleccións do libro dixital «The art of Death Stranding» (creado por Titan Books)
- Lentes de sol e máscara de Ludens
- Exoesqueleto reforzado dourado e prateado
- Exoesqueleto todoterreo dourado e prateado
- Blindaxe dourada e prateada de nivel 2
O único gran pero que acompaña este lanzamento é a confirmación do sistema antipiratería de Denuvo, unha tecnoloxía máis que coñecida por causar, en non poucas ocasións, problemas de rendemento. Algúns títulos como Devil May Cry 5 saíron con el, maios pasado un tempo acaban por eliminalo. Haberá que agardar até xuño para ver se Death Stranding sofre deste tipo de problemas.