Death Stranding: Director’s Cut preséntase como a versión definitiva da obra de Kojima

Presentada durante o Summer Game Fest, Death Stranding Director’s Cut configúrase como a versión final e máis completa do último título de Hideo Kojima. O State of Play desta semana serviu para lembrar todo isto, mais tamén para ofrecer máis detalles sobre que atoparemos no seu interior.
En primeiro lugar, Kojima quixo darlle un empuxón ao apartado gráfico, pero tamén á xogabilidade, mellorando e engadindo mecánicas de combate, tratando de evitar a monotonía orixinal dos duelos corpo a corpo do orixinal. Doutra banda, Sam tamén dispoñerá de novas armas de fogo, como pistolas e armas tecnolóxicas que lle resultarán de gran axuda para saír adiante perante os novos inimigos, xefes finais e as batallas inéditas.
A cousa non acaba aí. A historia será ampliada con novas misións principais e tamén poderemos crear novas e variadas construcións para mellorar a conectividade polo mapa, axudando no traxecto a outros xogadores. Ata poderemos construír un circuíto de carreiras no que demostrar a nosa habilidade ao volante.
O 24 de setembro chegará a PS5. Un detalliño dos malos: aquel que xa teña a versión de PS4 para pasar á de PS5 terá que sacar 10 euros da billeteira.