Actualidade Death Stranding incluirá un modo Súper Doado para que calquera poida completalo

Death Stranding incluirá un modo Súper Doado para que calquera poida completalo

Hideo Kojima segue revelando, a través das súas redes sociais, detalles sobre o enigmático Death Stranding. O director xaponés vén de explicar que a súa nova obra incluirá un modo de dificultade mínima, co que asegura que calquera persoa allea ao mundo dos videoxogos tamén poderá gozar desta aventura, mesmo completala sen maiores problemas. O creativo fai así unha chiscadela aos afeccionados ao cinema ou á música, que quizais non estean tan familiarizados con este produto cultural.

«Normalmente só incluímos o modo Doado, pero engadimos un modo Súper Doado para os afeccionados ao cinema desde que contratamos a actores reais como Norman, Mads ou Lea», escribiu o pai da saga Metal Gear nas redes sociais. «Incluso Yano-san —asistente persoal de Kojima—, que nunca completou un xogo desde a primeira pantalla de PAC-MAN, foi capaz de completar Death Stranding no modo Súper Doado».

O chío de Kojima facía referencia ao comentario dun usuario que se alegraba de completar o título neste modo. Os modos Normal e Difícil si estarán destinados aos amantes da acción habitual.

Death Stranding é exclusivo de PS4 e poñerase á venda o 8 de novembro.

80 minutos de metraxe na Tokyo Game Show

A presenza desta obra no Tokyo Game Show está asegurada. O creativo xaponés non faltará á feira do seu propio país, que se celebrará en apenas unha semana. Segundo un último comunicado de Kojima Productions, amosarán un total de 80 minutos de xogo, repartidos en dúas sesións diferentes.

O 12 de setembro, o estudo promete 50 minutos de metraxe, mentres que o día 14 faranse públicos outros 30 minutos. Ao día seguinte, Kojima subirase ao ascenario principal xunto aos membros da repartición xaponesa, para ofrecer máis detalles sobre a obra.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *