Death Stranding :: Novo adianto, data de lanzamento e tolemia nas redes

Death Stranding :: Novo adianto, data de lanzamento e tolemia nas redes

Hideo Kojima, xunto cos seus compañeiros de marketing, fixo os deberes, cumpriu a súa palabra e ensinou ao mundo ata que punto pode o hype mover ás masas. Ao longo de varias horas, a canle de Twitch de PlayStation mostrou o adianto que este mércores, pouco antes das seis da tarde, desfíxose das manchas negras que impedían velo con claridade (chegou a contar con 100 mil usuarios vendo nada). E aí apareceu, o novo tráiler de Death Stranding, a obra coa que o director de videoxogos xaponés quere volver saltar á pista de baile da industria tras dar carpetazo á saga Metal Gear.

O anuncio vén acompañado dun dato fundamental: a súa data de lanzamento. O xogo verá a luz o 8 de novembro de 2019, e será exclusivo de PlayStation 4. Aínda que quizais esta sexa a única dúbida real que despexa, xa que o adianto de oito minutos é Kojima en estado puro: misterios, enigmas e moitas preguntas.

Tras a súa aparición no E3 do ano pasado, pouco máis se soubo da xogabilidade de Death Stranding. Máis aló de que será un xogo de mundo aberto, non se sabía con claridade se sería un xogo de sixilo, de supervivencia ou de acción. Agora, as imaxes sinalan nunha dirección que une todos estes elementos. Tamén presenta aos protagonistas desta aventura, con Norman Reedus (The Walking Dead) á fronte dun cadro de actores máis propio dunha película que dun videoxogo. O personaxe ao que dá vida, Sam Bridges, poderá pelexar corpo a corpo, disparar armas de fogo e mesmo pilotar vehículos. O paseo en moto perfílase como un dos momentos gloriosos do adianto.

Momento do adianto no que se ve o funcionamento do menú de obxectos e a súa interface.

Pero… de que vai todo isto? O vídeo publicado por PlayStation e Kojima Productions achega ideas e pinceladas sobre a historia ao longo dos seus oito minutos de duración. «Unha viaxe para reconectar unha sociedade fragmentada», é unha desas mensaxes que aparecen durante uns intre na pantalla. Segundo parece, nun futuro próximo unhas explosións colapsarán o planeta, dando lugar a unha serie de eventos sobrenaturais coñecidos como Death Stranding. Sam deberá enfrontarse non só a humanos, senón tamén a unhas criaturas espectrales que pululan por este mundo abatido e ao bordo da extinción. Nas mans deste home está a clave para salvar á humanidade. Fácil e sinxelo, para toda a familia.

Doutra banda, tamén se deixa entrever un sistema de uso de obxectos e utensilios similar ao visto en anteriores títulos de Kojima. A través dun menú radial poderemos utilizar diversos aparellos e sistemas que nos fagan a vida máis fácil para atravesar oeesixente terreo que se nos presentará diante (escaleiras, cordas…).

Confirmouse que haberá vehículos, como unha potente motocicleta, coa que desprazarnos polos escenarios.

Expectación e euforia, o cóctel de benvida

Twitter foi durante estas últimas horas unha especie de barra de bar (aínda que iso non é o estraño) onde Kojima resultou ser o nome máis repetido. O adianto non defraudou e a expectación polo xogo aumentou exponencialmente, que dúbida cabe. Faino a uns días de que o E3 teña lugar, unha feira na que Sony non estará e, por tanto, tampouco Death Stranding.

Fora obra de Kojima, Sony, o publisher ou o director de márketing, a campaña publicitaria que o título realizou estes días foi brillante ata a súa posta en escena final. Conseguiu o seu obxectivo: que todo amante dos videoxogos quixese comprobar que estaba a tramar o creador de Metal Gear. En apenas seis meses, medio ano, todo o mundo sairá de dúbidas.

A data de publicación filtrouse horas antes a través dunha axencia de cualificación asiática, mentres que a tenda dixital de PlayStation tamén fixo entrever que o xogo podería reservarse desde este mesmo momento. Como é habitual neste tipo de lanzamento, a reserva anticipada do xogo ofrece incentivos en forma de obxectos cosméticos únicos, como unhas lentes e unha gorra douradas para Sam.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.