Death Stranding presenta a Heartman e os seus 21 minutos de vida

Death Stranding presenta a Heartman e os seus 21 minutos de vida

Malia que xa sabiamos da súa existencia, Sony e Kojima decidiron que Heartman, un dos personaxes de Death Stranding fora presentado aos xogadores por el mesmo. A través dun novo adianto, este curioso personaxe revela que morre cada vinte e un minutos. Si, algo tan tolo como soa.

Heartman é un científico da corporación Bridges que semella saber bastante sobre como funciona a misteriosa substancia negra que invadiu o mundo ideado por Kojima. Por iso, acode a el Sam ‘Porter’ Bridges, protagonista ao que dá vida o actor Norman Reedus, para que lle axude e ensine a viaxar entre as distintas dimensións. Sam descubrirá a un home obsesionado coa morte, que se implantou un corazón que deixa de funcionar cada 21 minutos.

Namentres está vivo, o científico entretense escoitando música ou vendo películas, como Twenty Minutes of Love. Pasados os 21 minutos, morre e trata de atopar á súa familia no máis alá, para logo ser resucitado por un desfibrilador conectado ao seu corazón que actúa aos tres minutos exactos. Os seus días non teñen 24 horas, senón moitas menos. En total, Heartman morre 60 veces ao longo dun día.

Este personaxe estará interpretado por Nicolas Winding Refn, un recoñecido director de cinema grazas a películas como como Drive ou  Valhalla Rising.

Como xa saberás, Death Stranding verá a luz o próximo 8 de novembro e será exclusivo de PlayStation 4. Esta mesma semana, o director desta obra de acción publicaba as dúas portadas do xogo posíbeis, así como as distintas edicións especiais que poderemos adquirir, cuns prezos que oscilan entre os 60 e os 200 euros.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados