Actualidade Death Stranding tamén conecta con Days Gone

Death Stranding tamén conecta con Days Gone

Se non estás atrapado nunha cova aislada do mundo, saberás que o novo título de Hideo Kojima, Death Stranding, xa está dispoñíbel para PlayStation 4 —tamén chegará a PC, en Steam e Epic ao unísono, no verán do 2020—, feito que orixinou unha onda sísmica de comentarios, posicionamentos e benvidas. Days Gone, o exclusivo da consola de Sony creado por Bend Studio, tamén quixo formar parte de todo isto. Como? Engadindo novos obxectos cosméticos con referencias ao novo xogo do creador xaponés.

Así, entre os novos obxectos que se implementaron na última actualización, destaca a cápsula de BB, que poderemos axustar á moto de Deacon como depósito de combustíbel. Quen sabe se tamén pode ser de utilidade nun mundo infestado de mortos viventes.

Amais dos novos depósitos dispoñíbeis, foron engadidos outros extras como pinturas e parches de estética Death Stranding. Porén, o parche tamén trae consigo novidades non relacionadas co novo título, centradas en mellorar a proposta de xogo de Days Gone como a posibilidade de reiniciar as hordas e as zonas infestadas de freakers, tamén os campamentos humanos. Doutra banda. implementáronse melloras de rendemento e foron corrixidos pequenos fallos detectados polos xogadores.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.