Actualidade Deathloop fixa a súa data de estrea: maio de 2021

Deathloop fixa a súa data de estrea: maio de 2021

Malia que tiveron que anunciar un atraso e deixar sen data no horizonte a Deathloop, Arkane Lyon, creadores de Dishonored, fixaron un novo día para estrear o seu futuro título en primeira persoa. O 21 de maio de 2021 sairá á venda para PS5 e PC. A páxina de PlayStation Store de Nova Zelandia xa habilitou a reserva da súa edición estándar e Digital Deluxe para así obter novas armas e cosméticos exclusivos, algo que se supón tamén teremos no resto do mundo.

Como xa explicamos noutras ocasións, no xogo percorreremos a illa de Blackreef, espazo no que dous asasinos profesionais buscarán romper o ciclo temporal no que se atopan inmersos. Como escapar? Acabando cos oito obxectivos clave antes de que o día remate.

A mellor forma para poñer fin a este ciclo será achar novos camiños, espremer todo o potencial das armas e habilidades e utilizar todo o coñecemento aprendido para non caer nos mesmos erros. Sony confirmou que o xogo fará uso das funcións do DualSense, sexan os como os gatillos adaptativos ou a retroalimentación táctil. Se algo comentaron a maioría de críticos estes días sobre a next-gen foi, precisamente, o bo traballo realizado cos controladores da PS5.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.