Demo e novo tráiler para VIGIL, herdeiro dos RE clásicos
É posíbel que se es seguidor dos xogos de terror coñezas o proxecto VIGIL, cuxo nome inicial era Residence of Evil. Trátase dun xogo desenvolto e creado polo estudio MoonGlint e que bebe directamente das augas das franquías Resident Evil e Silent Hill, retomando os ambientes claustrofóbicos e escuros que amosaron ao mundo, así como a súa lendaria cámara fixa.
Esta pasada fin de semana, a compañía anunciaba na súa canle de Youtube a mudanza do seu nome para evitar confusións ou reclamacións no futuro —a semellanza xa era demasiado evidente—. A través dun novo adianto, o equipo de deseñadores mostraron novas imaxes do xogo e confirmaron a absoluta herdanza que buscan dos primeiros survival horror a través do ambiente, os inimigos, os crebacabezas e as criaturas.
Aínda en desenvolvemento, a obra de MoonGlint non pretende lucir perfecta, pero podería convencer a todo aquel que estea a buscar unha proposta similar á que a finais dos anos 90 vivimos algúns xogadores. Queres probalo? O xogo conta xa con unha demo gratuíta para probalo na súa web de Patreon.