Destruction AllStars, con nova data en febreiro e estrea en PlayStation Plus

Sony acaba de mudar un pouco os plans para a estrea de PlayStation 5. Destruction AllStars, un dos títulos de lanzamento para a nova consola, verá a luz en febreiro do próximo ano, tres meses despois do que estaba previsto. Son todos malas novas? Realmente non. O título estará dispoñible en PlayStation Plus sen custo algún —máis aló do prezo do servizo—.
Destruction AllStars tiña un prezo de saída de 79,99 euros, algo que non gustou demasiado á comunidade, que o vía demasiado elevado ao ser unha franquía nova e cun carácter similar ao de xogo servizo. No blogue oficial de PlayStation non se explica moito máis sobre o cambio de data, polo que non sería aventurado pensar que se trata dunha decisión estratéxica e non de problemas co seu desenvolvemento.
A semana que vén publicarase un novo tráiler no que se ofrecerán novos detalles do xogo.