Análises Devious Dungeon 2 :: Mellorando a fórmula

Devious Dungeon 2 :: Mellorando a fórmula

Hoxe quero falarvos dun xogo chamado Devious Dungeon 2. Creado polo estudio independente Woblyware, foi lanzado orixinalmente en plataformas móbiles —Android e iOS—. En maio de 2019, a compañía Ratalaika Games adaptouno a varias consolas —Switch, Xbox One, PS4 e PS Vita—. Para este artigo traballei coa versión de PlayStation 4.

Teño que darlle as grazas á usuaria de Twitter IndieGamerChick, que mantén o seu propio sitio web de videoxogos e organiza diferentes eventos como VitaIslandSelect ou IndieXmas2018 destinados a dar máis visibilidade e difusión aos títulos indies. Tivo a amabilidade de cederme un código para poder analizar este xogo.

Preparádevos para percorrer un camiño repleto de segredos.

Como xa imaxinaredes, esta obra é a segunda parte doutra chamada simplemente Devious Dungeons, da que tamén escribín hai tempo nunha páxina xa desaparecida. Nesta ocasión, non só quero presentarvos o xogo, senón tamén destacar as novidades desta continuación fronte aquela primeira entrega.

Entrando no alxube

A palabra do título devious pode traducirse do inglés como tortuoso, sinuoso, intrincado… pero tamén como pícaro, astuto. Isto ten moito que ver coa proposta do xogo. Somos parte dun grupo de aventureiros que procuran tesouros polo mundo e, segundo as lendas, non hai outro lugar onde se oculten máis riquezas que no Castelo Encantado.

Devious Dungeon 2

Cando o teu cofre ten moito ouro que ofrecer.

Pero é un sitio terríbel: un feitizo flota sobre el e fai que as súas estancias e corredores, repletos de trampas, cambien de xeito constante. Ademais, é a gorida do Invocador, un temíbel mago de grandes poderes, con todo o seu exército de espirros e criaturas malignas. Obviamente, os saqueadores non son benvidos.

O primeiro que faremos será escoller ó noso personaxe. Contamos con tres opcións: o bárbaro, o pícaro e o mago. Cada quen ten as súas habilidades. O bárbaro, que anteriormente foi o protagonista da saga por ser o único guerreiro dispoñible, recibe menos danos dos inimigos. Porén, o pícaro conta cun dobre salto; namentres o mago é capaz de levitar brevemente, talentos moi útiles para evitar obstáculos.

A continuación entramos no alxube, ese labirinto tortuoso e ladino que é diferente cada vez que avanzamos por el. Así pois, temos perante nós un escenario que explorar para achar tanto o portal máxico que nos conducirá cara ao seguinte nivel como a chave que precisamos para abrir ese portal. Polo camiño tamén atoparemos inimigos, pinchos no chan, recunchos agochados con cofres e outros segredos, e multitude de elementos de decorado que poderemos romper para obter uns cartiños extra, ou, se cadra, unha poción de vida.

A dura vida do aventureiro

Con estes elementos básicos, Devious Dungeon 2 pódese clasificar como un dungeon crawler con perspectiva lateral en 2D, ou máis axustadamente coma un roguito —termo que lle tomo prestado á xenial Paula de Eurogamer, experta en toda clase de rogues, rogue-likes e roguelites—. Como adoita acontecer neste xénero, o ritmo do xogo está moi marcado pola morte.

Si, é inevitábel morrer unha e ata mil veces durante a partida. Pero trátase de facelo o mellor posíbel, de avanzar todo o que poidas, conseguir cantas máis moedas mellor, liquidar a todos os inimigos posibles antes de caer. Porque a morte case non ten penalización, non te fai perder diñeiro nin experiencia; pola contra, practicamente todo o progreso que fagas vaite axudar na seguinte volta: a facelo aínda mellor, a chegar aínda máis lonxe.

¡Martes de cortar testas!

Devious Dungeon está mellor estruturado nesta segunda entrega. Ao contrario que na súa primeira parte, onde iamos pasando por unha sucesión de ambientes aleatorios —escenarios de xeo, cavernas, ruínas con vexetación, etcétera—, agora contamos cun mapa do castelo que nos serve para facernos unha idea da nosa progresión global dentro dos seus labirintos. Con seis zonas diferentes, cada unha delas formada por catro niveis subdivididos en tres pantallas, a sensación de estar viaxando cara un obxectivo acentúase. Non podían faltar os xefes finais de cada mundo, que poñerán a proba a nosa habilidade, ou simplemente a nosa capacidade de subir de nivel, aumentar as nosas estadísticas de forza, destreza ou resistencia, e facernos máis poderosos ca eles.

Durante a aventura veremos a algúns personaxes coñecidos da entrega anterior. Algúns son secundarios, como o bardo. Outros, como o tendeiro Olaf e mailo clérigo serán referencias importantes durante a viaxe pola axuda e os servizos que ofrecen. Por suposto, o castelo tenebroso tamén está habitado por unha gran variedade de criaturas inimigas. O estilo gráfico, de píxel groso pero agradábel, outórgalles a todos os personaxes unha personalidade e aspecto definido que nos axudará a lembrar os seus ataques e debilidades.

Os gráficos pixelados están ben traballados e alcanzan un bo nivel de detalle.

E para amenizar un chisco máis a nosa ruta polas complexa catacumbas esnaquizando miñocas caníbales e demos sedentos de sangue, tamén atoparemos unha serie de tarefas secundarias: unha colección de tesouros especiais agochados, diversos minixefes ou espirros de elite, e recados menores consistentes en, por exemplo, acabar cun determinado número dun tipo concreto de monstro ou rebentar tal cantidade de caixas e barrís. E por suposto os logros, que até na versión da Switch quedan manifestos internamente no xogo. A quen non lle gustan os logros?

Así como os efectos de son están ben encaizados e cumpren coa súa función, quizais a parte da que máis adoece este Devious Dungeon 2 sexa a música: as melodías teñen un aire medieval, cun forte uso da percusión e de instrumentos de corda, e o feito de que poidas pasar bastante rato escoitando a mesma canción en bucle non lles fai ben.

Darlle unha volta ás ideas

Se falas con calquera persoa que se adique a facer videoxogos, vaiche dicir que unha parte fundamental do proceso é a iteración. Coller unha idea e darlle unhas cantas voltas, traballala e puíla para que encaixe do mellor xeito posible. Esa iteración, ese repaso aos mesmos conceptos para melloralos, é o que se nota neste xogo.

Poderíase dicir que as melloras non son espectaculares. Unha grande porcentaxe de tódolos elementos que conforman Devious Dungeons 2 está reciclada directa e descaradamente da súa aventura predecesora. Pero claramente ten unha aspiración un pouco maior, está mellor exposto. Ademais, o caso é que a fórmula de base xa funcionaba, xa era o bastante divertida como para enganchar o xogador. Si, quizais a diferenza entre levar ao mago ou ao pícaro non sexa moi grande no fondo, pero igualmente invita á rexogabilidade.  É suficiente para que, por curiosidade, inicies unha nova partida noutra rañura de gardado. Podería ser perfectamente que, cando te decates, xa leves un par de horas seguidas entretido nos alxubes. Ao final, iso é do que se trata.

Gustoume moito coñecelo, señor mago.

7.7

O mellor

  • Fai pasar o tempo voando, ideal para un par de partidas rápidas
  • O arte pixelado
  • Trata ben aos novatos, aínda que morras rápido sempre logras algo de progreso

O peor

  • Esa música que, persoalmente, penso que acaba sendo repetitiva
  • Contar neste título cun modo multixogador sería espectacular