Devolver Digital e EA, un si e un non ao E3 2019

Devolver Digital e EA, un si e un non ao E3 2019

Electronic Arts non ofrecerá conferencia de prensa durante o E3 deste ano. “Falar menos e xogar máis”, é o lema co que os responsables da compañía quixeron xustificar a súa ausencia neste ámbito. Si que manerán o seu EA Play 2019, evento paralelo á maior feira de videoxogos do mundo, aínda que prescindirán da habitual presentación de títulos ao grande. Hai uns meses, Sony confirmou que non estaría tampouco nos Ángeles durante o E3. Semella que EA quere seguir o mesmo carreiro.

«Este ano imos substituír a rolda de prensa por múltiples emisións en directo que se retransmitirán durante os dous primeiros días do evento», sinala o comunicado oficial. A súa idea é centrarse nas «comunidades de xogadores» e fortaleces o vínculo entre os creadores e os consumidores. Entre o 7 e o 9 de xuño poderanse probar os títulos que EA decida levar a esta cita, e permitirase a asistencia gratuíta a algunhas seccións.

É máis que probable que Apex Legends conte cun papel protagonista no EA Play.

É pronto para aventurar que levará Electronic Arts ao E3, aínda que seguramente non falten as súas franquías anuais (FIFA, NBA e NHL), nin tampouco o seu recente xogo de éxito, Apex Legends, do que seguro quererán sacar partido. Na teoría, debería poder probarse Star Wars Jedi: Fallen Order, que se presentará en sociedade o 13 de abril e sairá a finais de ano. Rumoréase, tamén, cun novo Titanfall por parte de Respawn.

Devolver Digital responde

A empresa centrada na edición e distribución de títulos independentes volveu a tirar de certa retranca ao confirmar a súa presenza xusto despois do anuncio de EA. Devolver Digital si terá unha conferencia presencial, sendo este 2019 o terceiro ano consecutivo en acudir á cita californiana que se levará a cabo do 11 ao 13 de xuño.

Devolver Dixital, ademais, caracterízase por realizar unhas presentacións un tanto curiosas, a miúdo satíricas sobre a industria e o mundo do videoxogo. A compañía non oculta o seu lado independente e ao longo dos últimos anos anotouse varios éxitos que lle outorgaron un maior recoñecemento entre o público en xeral, como Hotline Miami 2: Wrong NumberThe Red Strings Club ou GRIS, o videoxogo catalán que este xoves confirmou a cifra de 300.000 copias vendidas.

Hotline Miami 2: Wrong Number, editado por Devolver Dixital, foi todo un éxito de crítica e público.

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados