Diablo 4 faise realidade na BlizzCon 2019

Tiña que pasar e pasou. A cerimonia inaugural da BlizzCon 2019 non quixo decepcionar e empezou forte: Diablo IV existe. O desexado novo capítulo da mítica franquía mostrou as súas primeiras imaxes a través dunha cinemática espectacular que levantaba paixóns entre o público estadounidense e os espectadores da retransmisión en directo.
É difícil asegurar como lucirá na súa versión final, pero semella que a aproximación cara a unha maior escuridade e un ton máis sanguento e infernal é evidente. Os seres do inframundo volven axexar aos xogadores.
Chegará ao mesmo tempo para Xbox One, PlayStation 4 e PC, malia que non se especificou unha data concreta. Poderemos manexar tres clases: bárbaro, druída e feiticeira, unha combinación dos roles máis relevantes de Diablo II, aínda que cun sistema de combate moito máis áxil, seguindo o ronsel do visto en Diablo III. A expectación está polas nubes, para que enganarnos.
Amais da cinemática inicial, a compañía non tardou en compartir imaxes reais do título, que loce espectacular nesta primeira toma de contacto.