Actualidade Diablo II: Resurrected habilitará unha alfa técnica esta fin de semana

Diablo II: Resurrected habilitará unha alfa técnica esta fin de semana

Blizzard anunciou este pasado martes unha alfa técnica para Diablo II: Resurrected. Así é, se tes algo de sorte, poderás xogar en PC durante un par de días esta nova versión do mítico título ARPG. Onde tes que facer o rexistro? Pois aquí mesmo, coa túa conta de Battle.net.

A versión de proba chegará sen multixogador e, claro, sen todo o contido da versión final. Se logras acceder á alfa, verás que estarán habilitados só os primeiros dous actos, amais de tres clases de personaxe para escolleres (amazona, bárbaro e feiticeira). Doutra banda, non poderás exportar nin importar arquivos de gardado, polo que calquera progreso que realices quedará nese limbo técnico.

Haberá este tipo de probas nas outras plataformas? En principio, si, pero terás de agardar un chisco máis para PlayStation, Xbox e Switch. Iso si, calquera que xogue en PC esta fin de semana poderá ensinar a súa partidas vía retransmisión sen ningún tipo de problema. Se non consegues o acceso, polo menos, poderás velo na pantalla doutro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.