Actualidade Diablo IV amosa un novo gameplay da batalla contra Ashava

Diablo IV amosa un novo gameplay da batalla contra Ashava

Após o seu anuncio durante a BlizzCon 2019, Diablo IV creou unha enorme expectación entre os seguidores da saga. Tras máis de sete anos sen unha nova entrega e sen unha data de lanzamento concreta, o título ten todos os focos sobre el. Para saciar as expectativas, Blizzard vén de compartir un novo gameplay do título no que podemos ver en acción as clases de Druída e Bárbaro, durante o combate contra Ashava.

Durante os catro minutos de partida, observamos o combate contra un dos xefes máis temibles de todo o xogo. A batalla para derrotar a Ashava permitirá un número cambiante de usuarios, polo que se axustará a dificultade á cantidade de xogadores que haxa en cada momento. Chama a atención que os xogadores reaparecen a través dun punto de control para seguir loitando. Porén, esta opción non chegará á versión definitiva do xogo.

Ademais, Gameinformer ampliou a información sinalando que os desenvolvedores avisan que será mellor non morrer durante as partidas en Diablo IV. Este consello tan evidente débese a que durante as Incursións, unha vez mortos, non será posíbel regresar á partida, polo que a estratexia e o traballo en equipo será fundamental para conseguir o obxectivo e non perder o progreso obtido.

Diablo IV ten prevista a súa data de lanzamento nalgún punto do 2020 para PS4, Xbox One e PC. Se queredes coñecer de primeira man todo o que se anunciou na BlizzCon e sobre o título, podedes escoitar o noso podcast exclusivo sobre este evento.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.