Actualidade Diablo IV confirma cooperativo local e ofrece máis detalles

Diablo IV confirma cooperativo local e ofrece máis detalles

Sobre Diablo IV colga unha especie de corda que ten no final unha coitela. É a derradeira bala de Blizzard para demostrar que quere volver ao camiño bo, á creación de xogos sen peros, sen decisións cuestionábeis e sen máis perdas de confianza. Con estas cartas sobre a mesa, calquera información que chega sobre a nova continuación da lendaria franquía está máis que meditada e medida. Non hai data, pero hoxe confirmouse que contará con modo cooperativo local e que terá compatibilidade con mando en PC.

A cuarta entrega promete ser un novo comezo, pero sen esquecer todo o que ensinou Diablo III e todo o que foi a saga. Unha interface renovada, un mellor control e unha xogabilidade máis directa semellan ser as claves nun primeiro momento. «Esta é a primeira vez que se desenvolve simultaneamente un xogo de Diablo para PC e consolas, pero a decisión de que se puidese xogar con mando en PC foi a que provocou o maior cambio de modelo para nós», explícase no informe de desenvolvemento, asinado polo director do título Luís Barriga.

Sobre o modo cooperativo local é preciso indicar que estará dispoñíbel tanto en PC como en consolas. A idea é mellorar a experiencia multixogador, o que é posíbel grazas ao deseño de pantallas de EU de progresión separada ou conxunta. Por suposto, isto afecta a certos aspectos dunha interface que aínda deberá ser retocada, á espera das opinións que vaian recibindo por parte dos xogadores e os testers.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.