Diablo IV confirmado no anuncio dun libro de arte en Alemaña

Diablo IV confirmado no anuncio dun libro de arte en Alemaña

Após os grandes anuncios da semana pasada por parte de Riot Games, semella que Blizzard está a se preparar para contestar na Blizzcon 2019,  cita que se celebrará entre o 1 e o 2 de novembro. Grazas a un libro de arte distribuído pola empresa norteamericana, puidemos coñecer o que xa era un segredo a voces: Diablo IV atópase en desenvolvemento.

A arte de Diablo, nome oficial do produto, menciona de forma explícita detalles da nova entrega da franquía. Tal e como recolle o portal Eurogamer, unha das frases da promoción en Alemaña do libro menciona o seguinte: «preto de cincocentas ilustracións de Diablo, Diablo II, Diablo III e Diablo IV, con arte conceptual para o icónico RPG de acción de Blizzard Entertainment, o cal deu pesadelos a xeracións de fans».

Isto dende logo supón unha gran nova para todos os fans do famoso dungeon crawler, xa que Diablo III chegou ao mercado hai máis de 7 anos, polo que a idea dunha nova entrega é máis que posíbel. Nas últimas semanas tamén se rumoreou acerca da posibilidade de que Blizzard anuncie Overwatch 2 durante a súa feira, polo que estaremos atentos a todo o que suceda durante a Blizzcon deste ano.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Artigos relacionados