Diablo, por primeira vez nunha tenda dixital

Diablo, por primeira vez nunha tenda dixital

Diablo, o lendario RPG de Blizzard Entertainment, volverá poder ser comprado nunha tenda, por primeira vez, de maneira dixital. Será en GOG, a plataforma de CD Projekt RED. Ambas compañías, americana e polaca, chegaron a un acordo para distribuír os primeiros xogos da compañía californiana na tenda, o que tamén inclúe Warcraft e a súa continuación.

O primeiro Diablo pode adquirirse dende xa na tenda dixital dos creadores da saga de The Witcher a un prezo de 8,99 euros. Warcraft: Orcs & Human e Warcraft 2 aínda non teñen unha data de lanzamento asignada.

A versión que venderá GOG contará con dous modos de xogo ou visualización diferentes. O primeiro deles executará o xogo tal e como se executaba en 1996, a 20 FPS, e o seu multixogador realizarase a través de Battle.net. O outro modo conta con total compatibilidade con Windows 10 (o primeiro tamén funciona neste sistema operativo) e trae consigo solución a diversos bugs, maior número de resolucións, escalado de aspecto de pantalla, modo de xanela sen bordos e mesmo sincronización vertical. O título chega sen DRM, como o resto de xogos de GOG, e sen tradución ao castelán, estando só dispoñible en inglés, voces e textos.

«Amolábanos que xogos deste calibre non estiveran dispoñibles para os nosos xogadores, así que nos encantou colaborar co equipo de GOG para emendalo», sinalou Rob Bridenbecker, vicepresidente e produtor executivo de Blizzard Entertainment, nun comunicado por parte da compañía. «Xa era hora de facelo, e esperamos que os nosos xogadores poidan volver gozar destes títulos míticos».

Nin Diablo nin as dúas primeiras entregas de Warcraft serán postas á venda na tenda de Blizzard, Battle.net, aínda que alí si están dispoñibles Warcraft 3 e a súa expansión, Diablo 2 e a súa expansión correspondente. Tamén o primeiro Starcraft.

O xogo orixinal viu a luz durante a noitevella de 1996, meses despois chegaría a Europa.

 

 

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados