Actualidade DICE presenta Battlefield 2042, sen campaña dun xogador nin battle royale

DICE presenta Battlefield 2042, sen campaña dun xogador nin battle royale

Aos poucos, comeza o goteo de noticias derivadas do E3 ou o seu ecosistema de anuncios. Malia non ser Electronic Arts unha das compañías con conferencia como tal dentro da feira do videoxogo, sempre ten algún evento preparado en paralelo á cita mítica. Así, o 13 de xuño poderemos ver en acción Battlefield 2042, nome do novo título da franquía de acción e disparos.

O próximo  first-person shooter de DICE estará ambientado nun futuro próximo mais non terá nin campaña para un xogador nin un modo battle royale. O asunto narrativo pono unha crise humanitaria a causa do cambio climático. Entre as faccións do xogo estarán os Estados Unidos e Rusia, amais dun grupo de refuxiados chamados os Non-Patriated (Sen Patria).

Todo virará ao redor dun modo multixogador que permitirá até 128 xogadores en PC, PS5 e Xbox Series X|S, namentres que en PS4 e Xbox One a cantidade será reducida a 64. Tamén poderemos xogar contra bots da IA, tanto en solitario como con amigos. Sairá o vindeiro 22 de outubro de 2021 nas plataformas xa citadas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.