Actualidade Disco Elysium: The Final Cut engadirá catro misións novas á súa historia

Disco Elysium: The Final Cut engadirá catro misións novas á súa historia

Até catro misións novas poderán ser realizadas en Disco Elysium: The Final Cut; cada unha delas correspóndese cunha das visións políticas do xogo. A noticia foi compartida por Justin Keenan, escritor e director narrativo do título, nunha entrevista na que revela algúns detalles da inminente versión do xogo para PlayStation.

«Engadimos uns cuantos detalles para que sexan descubertos polos xogadores, mais o corazón do novo material son as misións de visión política. Estas misións estaban planeadas desde hai moito tempo pero non entraron na versión orixinal así que esta versión foi unha grande oportunidade para revisitar estas ideas e poder darlles forma», explica o director.

Keeman tamén aclara que estas misións non teñen un gran impacto na liña narrativa principal, pois están deseñadas para ofrecerlles aos xogadores a oportunidade de descubrir máis datos sobre os temas ideolóxicos da obra, na procura dunha conclusión satisfactoria que define ao protagonista. Porén, estas misións engaden personaxes inéditos, obxectos e diversos cambios na árbore de habilidades.

Esta nova versión do título estará dispoñible en marzo para PS4, PS5 e PC. No último caso, verase como unha actualización de balde para todos aqueles que xa teñan unha copia. Nada se sabe, polo momento, de Switch ou Xbox.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.