Discord non acepta a oferta presentada por Microsoft para a súa compra
Di Discord que non, que seguirá sendo independente, ao menos, un chisco máis. A plataforma de comunicación non conseguiu pechar un acordo con Microsoft para ser comprada por esta, despois de saír á luz a información oficial sobre a operación.
Tal e como informa o Wall Street Journal, Discord cortou as negociacións coa compañía estadounidense, polo que os 10.000 millóns de euros que o xigante da electrónica quería poñer sobre a mesa seguirán gardados no banco. Segundo o medio internacional, Discord chegou a recibir até tres ofertas máis, mais declinou todas. Emporiso, non descarta unha futura saída a bolsa en caso de vela viable.
Este último asunto non sería algo demasiado desatinado. O valor da plataforma subiu como a escuma ao longo dos dous últimos anos, posicionándose como unha das opcións —senón a favorita— máis usadas polos usuarios para comunicarse en liña namentres xogan xuntos. Ademais, a aplicación tamén se presenta como unha versión moderna dos vellos foros da Internet, ao permitir cada canle unha xestión bastante interesante e interactiva.