Disintegration deixará de darlle soporte ao multixogador tres meses despois da estrea

V1 Interactive, o estudio responsábel da creación de Disintegration, eliminará o modo multixogador do título o próximo 17 de novembro. É unha decisión que chega apenas tres meses despois de lanzar o xogo ao mercado.
Disintegration configúrase como un xogo de acción en primeira persoa, contando no equipo desenvolvedor con Marcus Lehto, cocreador de Halo. A pesar das expectativas xeradas nun inicio, semella que a ópera prima do estudio non callou entre a comunidade.
«Desde os equipos de V1 Interactive e Private Division entendemos os riscos creativos tomados ao lanzarmos un xogo tan único e cun aire fresco nun xénero establecido. Cremos que a industria do videoxogo necesita innovación constante e continuaremos tomando riscos, seguindo visións creativas e apoiando as nosas ideas», explican no comunicado oficial. O título quedará só co modo campaña.