Disney Classics :: A nostalxia que vende (e non pouco)
Brazos abertos e ollos pechados. O abrazo coa nostalxia sempre é agradecido, como un trago de herbas nunha sobremesa infinita, perante a improbábel idea de que mellore a dixestión. Disney’s Aladdin e O Rei León, clásicos virtuais dos 90, chegarán remasterizados e en formato físico, nun principio, ao longo deste outono ás actuais consolas. É unha boa nova, por que non? Está por ver as versións que tomarán como base para a conversión, a de Mega Drive ou a de Super Nintendo, pero a idea de revivir calquera destas dúas obras asómase válida. E reendíbel.
Nos últimos anos, o público asistiu a ese monólogo que Disney foi articulando na industria do entretemento. Acerto tras acerto, The Walt Disney Company instaurouse como o xigante que sempre foi, aínda que fose disfrazado de muíño. Hoxe, cuns ingresos no 2018 de 59.434 millóns de dólares, calquera podería descolorir ao seu carón. No cinema, todos sabemos quen parte e reparte o pastel. A nivel produción, posúe as seguintes divisións: Walt Disney Pictures, Disneynature, Marvel Studios, Lucasfilm, Fox Searchlight Pictures, 20th Century Fox, Walt Disney Animation Studios, Pixar e 20th Century Fox Animation. Vaia, que seguramente consumiches máis películas de Disney na última década que de calquera outra compañía e, en ocasións, sen nin sequera sabelo.
Baixo a marca Disney Classics, esa coa que se presentou este pack de Aladdin e O Rei León, é inevitábel non caer na aliteración homónima dun selo que a compañía estadounidense leva utilizando anos —desde os VHS—, para dotar de personalidade e importancia os seus relanzamentos. Os clásicos de Disney cóntanse por todas as partes e, que dúbida cabe, foron parte fundamental na creación dun coñecemento cultural e social moi concreto: Tritón é o pai de Ariel, porque si; a lixeira versión da Cincenta, a descafeinada historia de Notre-Dame e o seu selleiro Quasimodo… Na súa maioría, as adaptacións realizadas para estas películas de animación foron tan exitosas, que non poucos asumen como as máis válidas e, dalgún xeito, as máis reais. Ollo, son verdadeiras cintas de culto debido á súa carga dramática e bo facer; as cancións e o humor que desprenden, tan ben levado, namoraron a pais, fillos e netos. Non é algo doado.
Por todo isto, é imposíbel pensar que esta recuperación da marca Classics, tamén para os videoxogos, só sexa unha pinga de choiva. Achégase o temporal. Se algo demostrou a compañía do rato de grandes orellas nestes últimos tempos é que cando algo funciona —e de seguro que este lanzamento non será menos— é que á audiencia hai que golpeala unha e outra vez, coma un martelo mecánico, até romper ou tocar fondo. A listaxe de títulos que Disney posúe na recámara asusta. Asumindo o seu traballo habitual noutras industrias, sería estraño que non aproveitase o filón que se aveciña. Pico e pa. Título e lanzamento. Queda demostrado que a nostalxia é un sentimento que vende. Abondar botar un ollo a carteleira dos últimos anos: O Rei León, Aladdin —vaia, a casualidade—, Dumbo, A Bela e a Besta, A Cincenta… Hai que tentalo, tamén, nos videoxogos.
DuckTales e Castle of Illusion son, por exemplo, dous xogos que poderían chegar se as vendas desta primeira entrega de Disney Classics son boas. Ambos os dous xa sufriron unha remasterización, pero retiráronse hai pouco das tendas dixitais, igual que lles ocorreu a Aladdin e O Rey León con GOG. Máis? Fantasia, Quackshot Starring Donald Duck, World of Illusion Starring Mickey and Donald… Hai para escoller. O único problema sería ver se os creados por Capcom, poderían entrar neste mesmo saco de resurrección. Por exemplo, Darkwing Duck ou Chip ‘n Dale Rescue Rangers. Aí entrarase nun terreo ateigado de minas, o dos diñeiros e as negociacións.
E PlayStation? Tamén foi un poderoso aliado de Disney. Na máquina gris puidemos gozar de dous títulos que a día de hoxe aínda xeran unhas boas lembranzas no imaxinario popular: Tarzán e Hércules. Os dous son xogos de acción e plataformas, que recollen de maneira exemplar candansúas películas —o enfrontamento co Centauro, en Hércules, era glorioso—. Non podemos esquecer tampouco o xenial Toy Story 2: Buzz Lightyear to the Rescue!, unha obra de acción en 3D, creada por Traveller’s Tales, que sorprendeu aos xogadores; por suposto, cos seus defectos, pero expuña unha interesante aventura para Buzz e o seu láser.
Calquera destes xogos podería aparecer nun hipotético catálogo de Disney Classics após un obrigado lavado de cara. Os comentarios que rodean os seus gameplays en Youtube afondan e recréanse nunha soa idea: where is my chilhood? (onde está a miña infancia?). Aqueles que accedemos á industria do videoxogo durante os noventa, sobrevoamos xa pola trintena. Somos un target moi conveniente para as empresas. En teoría, deberiamos estar a traballar, sen compromisos familiares, e cun pequeno fondo mensual dedicado á compra de títulos. Unha viaxe á infancia, revivir aquelas sensacións que obtivemos con esas obras dos noventa soa tentador. Moito.
Igual que no cinema, o videoxogo adoeceu —e gozou cos seus números— durante estes últimos dous anos do interese por recuperar vellas xoias do pasado. Crash, Spyro, Sir Daniel… Pantasmas que criamos doutra era, pero que aparecen perante nós para unha última partida —malia que esta custe 29,99 euros—. Quizais non haxa mellor alegoría que a representada polos xoguetes de Andy en Toy Story 3, esa obsesiva loita por pasar unha última tarde en mans do seu dono, sendo usados para loitar, protexer ou voar. Ás veces parece que os videoxogos queren que fagamos o mesmo. Claro que non son eles os que nos chaman, senón as súas compañías as que se apoderan desta idea.
Lucasfilms, outro universo
Outro territorio por explorar, que non convén pasar por alto. A compra de Lucasfilm por Disney o 30 de outubro de 2012, por 4.050 millóns de dólares, abriu toda unha galaxia de posibilidades comerciais para a compañía do rato.
A posibilidade de que tamén se comecen a recuperar os xogos derivados da marca Lucasfilm non é un tema menor. Nela situábase LucasArts Entertainment Company, moitas veces denominada LEC e orixinalmente LucasFilm Games, que pechou en abril de 2013. Hai dous, Disney reabriu a empresa para dar cabida a novos xogos, mirando de esguello a actual xeración e apostando máis intensamente pola vindeira.
O estudio foi famoso, e por momentos idolatrado, grazas á súa sabedoría e bo facer dentro do xénero das aventuras gráficas. Esta é unha lista cronolóxica dos títulos lanzados co lendario motor SCUMM:
- 1987 – Maniac Mansion
- 1988 – Zak McKracken
- 1989 – Indiana Jones and the Last Crusade
- 1990 – Loom
- 1990 – The Secret of Monkey Island
- 1991 – Monkey Island 2: LeChuck’s Revenge
- 1992 – Indiana Jones and the Fate of Atlantis
- 1993 – Maniac Mansion Day of the Tentacle
- 1993 – Sam & Max Hit the Road
- 1995 – Full Throttle
- 1995 – The Dig
- 1997 – The Curse of Monkey Island
- 1998 – Grim Fandango
- 2000 – Escape from Monkey Island
- 2006 – The Dig re-edición
- 2006 – Grim Fandago re-edición
- 2006 – The Curse of Monkey Island re-edición
Baixo a dirección de Disney, o seu relanzamento podería ser posible. O tempo dirá. Do mesmo xeito, o número de obras virtuais e dixitais relacionadas co universo Star Wars é, como pouco, colosal. Entre o ano 1991 e o 2013, LucasArts estivo detrás de case medio centenar lanzamentos. Títulos que se moven por toda clase de xéneros e estilos. Desde o Star Wars: X-Wing ao Angry Birds Star Wars, pasando por Star Wars: Bounty Hunter ou Star Wars Episode I: Jedi Power Battles. Aínda que a franquía que involucra aos Skywalker semella ir por outros camiños, máis modernos, a recuperación dalgúns dos nomes propios máis importantes do pasado podería gozar dun bo recibimento.