Diversas fontes sinalan a idea de ver unha consola portátil de Steam este ano
Veñen curvas. Malia que en Morcego tentamos ser extremadamente cautas cos rumores, neste caso as fontes das que proveñen suxiren máis unha realidade que unha posibilidade. Pavel Djundik, coñecido dataminer e creador de SteamDB, descubriu varias pistas no código do cliente beta de Steam que apunta a que Valve está a desenvolver unha consola portátil de seu.
Segundo confirmou portal Ars Technica, o nome provisional do aparello sería SteamPal e usaría Linux como sistema operativo para reproducir boa parte dos xogos que están dispoñibles na plataforma. Aínda que non foi anunciada de xeito oficial, a compañía levaría xa un tempo traballando nesta consola —no pasado, a idea foi bastante comentada nos foros da comunidade, chegando a ter un nome: Neptune— e ata podería ser lanzada este mesmo ano: «Malia non termos confirmación de cal será o nome final do aparello, é un PC todo-en-un cun panel táctil e unha pantalla táctil», sinalan no medio que publicou a nova .
Seguindo a liña do comentado, semella que esta portátil sería unha competidora directa de Nintendo Switch, pois aínda que non se fala dela como híbrida, si contaría cun porto USC- C para ser conectada coa televisión. Tamén usaría chip de AMD e tería un deseño máis grande que o da consola da Gran N.
Non é a primeira vez que Valve tenta lanzar unha consola ou un hardware semellante. No 2015 lanzou Steam Machine —a imaxe que adorna este artigo—, e aínda que o proxecto non foi un éxito, a compañía de Gabe Newell sempre mostrou interese nese eido, alentada polo mesmo fundador.