DMC5 :: Os demos xa contan as horas

DMC5 :: Os demos xa contan as horas

Conta atrás para que o cazademos por excelencia de Capcom salte ao rodo. Este venres 8 de marzo, Dante volverá como un dos tres protagonistas de Devil May Cry 5. O fillo do demo Sparda e Eva, unha ser humana, mostra as súas habilidades e estilo de combate nun dos últimos adiantos audiovisuais que se prepararon por mor da estrea deste novo capítulo.

Mito vivente da industria do videoxogo, Dante converteuse nun símbolo da loita contra os poderes do Inframundo. A súa gabardina granate, o seu pelo esbrancuxado e as súas dúas pistolas, Ebony & Evory, xa forman parte do imaxinario popular dos cazademos. O seu aspecto pillabán e os seus comentarios canallas dotáronlle dunha personalidade máis que recoñecíbel. A súa ausencia en pasadas entregas, ou o simple feito de ser relegado a un protagonismo menor, foi motivo máis que suficiente para que os seguidores da saga pedisen a berros a súa volta nun rol realmente principal. Basta lembrar a súa presentación no E3 do 2018, facendo acto de presenza nos últimos segundos do tráiler esbozando un sorriso pícaro . Aplausos e berros asolagaron o auditorio de Microsoft. Por fin volvía.

Que novidades trae consigo Devil May Cry 5?

Situado como un do grandes lanzamento do ano, o título de Capcom sitúase como o segundo gran fito de marzo despois de Dead or Alive 6. Aínda están por chegar The Division 2, Sekiro: Shadows Die Twice, One Piece World SeekerOutward ou Tropico 6. O título de acción, situado dentro do xénero hack & slash foi revelando bastante información durante o seu desenvolvemento, ofrecendo até dous demos de balde ao público de consolas. Convén repasar algunhas das súas novidades:

  • Manexaremos a tres personaxes diferentes: Nero, V e Dante. Cada un terá as súas propias misións e aparecerán na orde sinalada. Algúns capítulos son obrigatorios para certos personaxes e noutros poderemos escoller. Non estaremos sós nesta aventura. Nico, Lady e Trish tamén farán acto de presenza, aínda que non serán personaxes xogables. Polo menos, non agora.

  • Só hai un DLC confirmado. Trátase dun modo extra que leva por título Palacio Sanguento e que xa lle soará a todo aquel que xogara ás pasadas entregas. En principio, a súa inclusión levarase a cabo en abril.
  • Hai un total de vinte misións, doce encargos segretos e o modo Baleiro, un lugar para practicar novas técnicas e combos.
  • Chegará para PC, PlayStation 4 e Xbox One.
  • Inclúe tres modos de dificultade diferentes. O Fácil, o Normal e o Fillo de Sparda, que aparece unha vez rematemos por primeira vez o título. Un auténtico salto na esixencia, con inimigos máis duros dende o primeiro segundo. En realidade, tras finalizar o xogo nesta dificultade, poderás desbloquear até outras tres, así que podes ir pensando en sufrir ou chorar. Total, os demos tamén cho…
  • Conta cun sistema en liña bastante simple, que permite atopar xogadores en momentos puntuais ou en modo pantasma (ao Dark Souls) pero aí acábase a interacción. Aí e ao ver as puntuacións obtidas na fase.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.