Reportaxes Doce xogos dos que non sabemos nada (ou case nada) dende o E3

Doce xogos dos que non sabemos nada (ou case nada) dende o E3

Desaparecidos en combate. Esa semella ser a situación dalgúns xogos dende o E3 dos Ángeles este ano. A escaseza de información por parte das desnvolvedoras pode facer levantar cella a máis dun, como sinal de que as cousas non van tan ben como deberían.

Así que fixemos os deberes. Recompilamos todos os xogos dos que non volvemos a saber nada dende xuño e dos que agardamos coñecer novas canto antes.

  • Psychonauts 2

Tim Schafer, líder de Double Fine Productions, presentou un trailer da continuación do seu afamado título durante a conferencia de Microsoft. Unha liña moi continuísta respecto ao seu anterior traballo, unha demo que mostraba algunhas das virtudes da nova entrega e logo… a nada.

A páxina a través da cal se financia Psychonauts 2 non recibe unha actualización desde hai máis de dous meses e o único que puidemos coñecer foi un atraso no lanzamento do xogo até o ano 2020.

  • 12 Minutes

Interesante proposta a que levou ao E3 unha compañía independente de San Francisco, Luis Antonio. Baixo o paraugas de Annapurna Interactive, este xogo presentaba un thriller no que un home atópase atrapado nun bucle temporal e deberá pescudar como saír del.

A pesar da saída de Sayonara Wild Hearts como último título da compañía, a verdade é que apenas volvemos saber nada do traballo de Luis Antonio. Na conta oficial de Twitter do xogo só atopamos lixeiros avances, como un modo multixogador, pero non hai nin rastro dun novo gameplay.

  • Way to the Woods

Excepcional é o caso de Anthony Tan, que con tan só vinte anos é o creativo principal de semellante preciosidade. Influenciado por títulos como Life is Strange ou The Last of Us, en Way to the Woods poderemos controlar a un par de cervos no seu camiño cara ao bosque (sorpresa!).

Porén, máis aló do adianto que se amosou na conferencia de Microsoft, nada volvemos saber sobre el. Iso si, o xogo posúe un apartado artístico envexábel.

O apartado artístico é simplemente incrible.

  • Elden Ring

Hidetaka e George. George e Hidetaka. Unha das parellas máis agardadas entre a comunidade Souls uniuse para cumprir o desexo de moitos. Tendo en conta a ambientación das obras de ambos os dous autores, estaba claro que Elden Ring non podía ambientarse noutro escenario que non fose un onde a fantasía medieval fose a protagonista.

Outro bombazo que lanzou Microsoft na súa conferencia pero do que non volvemos coñecer ningún detalle relevante. From Software nunca decepciona, así que haberá que armarse de paciencia para coñecer o que nos depara este gran dúo de creadores.

  • Chivalry II

Imaxinádesvos en metade dunha colosal batalla medieval, portando unha espada e esnaquizando aos vosos inimigos? Esa idea pasou pola cabeza dos responsables de Torn Banner Studios alá polo ano 2012. Chivalry foi eloxiado polo súa acción visceral e pola inmersión na contenda, polo que a súa segunda entrega era case unha obriga.

Exclusiva temporal da Epic Games Store, Chivalry II permitirá xogar partidas de até 64 xogadores e pouco máis sabemos deste proxecto. A páxina oficial do xogo non recibe novas noticias dende o 21 de xuño.

  • Per Aspera

Per Aspera é un xogo de estratexia narrativo no que deberemos enfrontrar retos derivados da terraformación de Marte. Esta é a descrición que realizan desde Tlön Industries, un estudo afincado en Buenos Aires que presentou o seu primeiro traballo durante a PC Gaming Show. O xogo válese de datos da NASA para crear os seus mapas e até aquí podemos contar.

Pódese incluír na lista de desexados en Steam e, nun pruncipo, sairá á venda durante o ano 2020. Na conta oficial de Twitter da desenvolvedora non hai demasiada información do xogo.

  • Cris Tales

Inspirado noutros JRPG míticos como Chrono Trigger, Final Fantasy VI, Valkyrie Profile e clásicos modernos como Bravely Default e Persona 5, neste xogo poderás coñecer e recrutar un elenco único de compañeiros, desafiar unha infinidade de inimigos e abrir camiño a través dun vasto mundo. Cris Tales apareceu durante o E3 e estará dispoñíbel en todas as plataformas.

Tres meses despois non volvemos ter novas desta aventura. Un gameplay amosado durante a feira dos Ángeles e unha demo que podedes gozar desde a súa páxina web é todo o que podemos levar á boca neste intre.

A nivel gráfico, Cris Tales ten poucos rivais.

  • Baldur´s Gate 3

Cen anos despois da época na que se ambientaba a segunda entrega, Baldur´s Gate 3 presentouse como un dos pratos principais de Google Stadia e do PC Gaming Show. Inspirado a nivel xogábel na quinta edición do manual de Dungeons & Dragons, este título arrastra e arrastrará moita expectación. Que temos del? Un trailer cinemático e comentarios dos propios traballadores que están a darlle forma.

  • Gods and Monsters

Dos creadores de Assassin’s Creed Odyssey, Ubisoft Quebec penetra de cheo na mitoloxía grega para ofrecernos unha aventura de acción con tinguiduras RPG. Comparado por moitos medios que puideron velo a porta pechada con Breath of the Wild, a verdade é que non coñecemos máis nada que a súa data de lanzamento, marcada para o 25 de febreiro de 2020 en PC, Xbox One, Stadia, Nintendo Switch e PS4.

É moi posíbel que nas próximas semanas teñamos nova información sobre este título.

  • The Legend of Zelda: Breath of the Wild 2

Un dos bombazos do E3 deste ano. O Nintendo Direct estivo cargado de sorpresas pero a que recibimos ao final foi totalmente inesperada. The Legend of Zelda: Breath of the Wild contará cunha continuación pouco máis de dous anos despois do lanzamento dun dos grandes títulos da compañía xaponesa e símbolo de Switch.

Un par de Nintendo Direct despois, nada volvemos achar sobre esta segunda parte. As teorías dos fans e as súas conxecturas é todo o que temos nas nosas mans, amais o trailer do xogo.

  • Ghostwire Tokyo

O adianto de presentación durante a conferencia de Bethesda resultou nunha auténtica revolución na Rede grazas á gran simpatía que espertou a súa directora Ikumi Nakamura. Esas foron os grandes acenos de identidade do novo de Tango Gameworks, responsábeis de títulos como a saga The Evil Within. Nesta ocasión teremos que purgar á capital xaponesa dunha ameaza sobrenatural.

A pesar de todo, a única noticia que recibimos do xogo en todo este tempo é a do abandono de Nakamura como responsábel do título. Aínda non conta con data de lanzamento e non sabemos se esta baixa supoñerá un problema no desenvolvemento do xogo.

  • Deathloop

Un dos casos máis estraños de todos. Deathloop é o proxecto que está a levar a cabo Arkane Lyon baixo o amparo de Bethesda. Un xogo en primeira persoa que transporta aos xogadores á illa sen lei de Arrecife Negro, na que dous asasinos extraordinarios libran unha loita sen fin durante un bucle temporal.

Trailer de presentación e dous chíos en tres meses. Non pinta nada ben a saúde do xogo, xa que aínda non recibimos ningún tipo de información ou gameplay, máis aló do día da súa presentación.

Estes son algúns dos xogos que foron presentados na festa mundial dos videoxogos o pasado xuño e que semellan esconderse dos focos. Quizais estean a esperar a súa oportunidade con paciencia, así que faremos o mesmo até que o seu momento chegue.

Juan Sanmartín
Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *