Doom Eternal entrará no Xbox Game Pass de consola o 1 de outubro
As consecuencias da compra deBethesda por parte de Microsoft non tardaron en ser unha realidade. DOOM Eternal, o último xogo de id Software en ver a luz, será incluído no Xbox Game Pass de consola o vindeiro xoves 1 de outubro.
Aclamado pola crítica e o público, a continuación do shooter en primeira persoa foi un éxito de vendas e un dos títulos máis aplaudidos saídos da distribuidora americana nos últimos tempos. Chegará tamén para o Pass de PC? Si, pero máis adiante. Non se especificou unha data, malia que o fará antes de que remate o ano.
Microsoft xa comentara que as obras de Bethesda e os seus estudios asociados irán chegando aos poucos ao seu servizo. DOOM Eternal foi lanzado a finais de marzo deste mesmo ano.