Dota 2 deixará de dar soporte a sistemas de 32 bits e anuncia máis cambios semellantes

Dota 2 deixará de dar soporte a sistemas de 32 bits e anuncia máis cambios semellantes

Con case unha década de vida, Dota 2 continúa a ser un dos títulos máis lucrativos para Valve e, si, claro, un dos máis importantes dentro da escena competitiva dos chamados deportes electrónicos. Definido como un dos mellores MOBA da historia, nado como unha modificación de WarCraft III: Reign of Chaos, os responsables de Dota 2 avisan agora que non seguirán ofrecendo soporte a sistemas de 32 bits.

A decisión é defendida co obxectivo de manter o xogo e o motor Source 2 actualizados. Así que si, se queres seguir xogando cos heroes de Dota 2 deberás ter un sistema operativo de 64 bits, estándar desde hai xa varios anos. Porén, non será o único cambio nos próximos meses, pois Valve anunciou que pensa realizar os seguintes cambios:

  • Será eliminada a compatibilidade coas versións de macOS anteriores a 10.14
  • Será eliminada a compatibilidade con DirectX 9: mudará a DirectX 11
  • Será eliminada a compatibilidade para OpenGL: mudará a Vulkan
  • Será eliminada a compatibilidade con XAudio, pasando a SDL Audio

A compañía responsable do MOBA explica que a gran maioría de usuarios nin percibirán o cambio, pois apenas uns poucos continúan xogando en sistemas de 32 bits ou con algunha das características técnicas antes sinaladas. Aínda que non ten data de aplicación —Valve di que será realizada nos vindeiros meses—, o obxectivo final é o de optimizar esforzos no desenvolvemento do título, utilizando funcións máis novas e mellores.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados