Dous días para facer o mellor xogo posible

A asociación estudantil de desenvolvemento de videoxogos Monkey Laboratory (MOLAB) celebrará entre os días 5 e 7 de outubro unha nova competición de creación de videoxogos. A idea é que os participantes logren dar forma a un título xogable contando tan só con 48 horas para tal feito.
A proba non será presencial e realizarase a través da plataforma Itch.io. Trátase da segunda cita desta clase organizada polo MOLAB, que naceu baixo o paraugas da Universidade da Coruña. Esta II Game Jam desvelará a temática da competición ao comezo do evento, e o gañador será escollido por un xurado composto de diferentes profesionais e creadores do sector tecnolóxico galego coma empregados de Polygon-E , Gato Salvaje ou Imaxin Software; así coma docentes das facultades de Informática e Ciencias da Comunicación.
Este grupo avaliará os videoxogos saídos do forno horas antes na Aula de Graos da Facultade de Informática de A Coruña, o vindeiro 10 de outubro, ás 18 horas. Unha hora e media despois, desvelaranse os títulos recoñecidos nas diferentes categorías, a saber: Mellor Xogo, Game Design, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. A entrega dos galardóns será presencial, pero tamén se poderá seguir a través de Twitter e Twitch.