Dragon Ball Z: Kararot revela a duración do seu modo historia
Nunca cansaremos delas. As aventuras de Son Goku e compañía, protexendo á Terra e reunindo as Bólas de Dragón volverán invadir o mundo dos videoxogos co próximo título da franquía creada por Akira Toriyama. Será a partir do 17 de xaneiro cando colleremos os mandos para combater a Vexeta, Freezer, Célula ou o Monstro Bu.
Coa chegada do xogo ao virar a esquina, a información comeza a circular. Foi agora cando puidemos coñecer a duración total de Dragon Ball Z: Kakarot, estimando un tempo entre as 35 e as 40 horas completando unicamente o modo historia. Se esta marca xa vos parece suficientemente alta, parece que a promesa de que o mundo ao noso do xogo terá máis vida que nunca se verá cumprida.
Até as 80 ou 100 horas terémonos que ir para desvelar e terminar todas as misións secundarias, coleccionábeis e demais eventos que haberá neste título. Un tempo digno dun JRPG e que non é nada frecuente historicamente nos videoxogos de Dragon Ball, polo que CyberConnect2 semella querer crear un dos xogos máis ambiciosos da historia da franquía.
Amais disto, Bandai Namco confirmou un DLC que chegará após o lanzamento do xogo en PS4, Xbox One e PC, polo que a duración medrará aínda máis.