Drew Murray, deseñador xefe de Perfect Dark, abandona The Initiative

A recuperación da marca Perfect Dark sitúase como un dos proxectos máis grandes da marca Xbox, e así quedou constancia na forma de presentalo, nos últimos Game Awards. The Initiative, o estudo first party de Microsoft creado no 2018 é o encargado do proxecto, mais acaba de perder a Drew Murray, o seu deseñador xefe.
A través da súa conta de Twitter, o traballador indicou que abandona o seu labor como desenvolvedor. Nun fío dividido en cinco partes, Murray detalla os motivos da súa marcha e a súa intrahistoria dentro do estudio. Explica que a súa vida fóra da contorna laboral precisa de máis atención, o que deriva na obriga mental de abandonar o traballo.
After two wild years helping start @TheInitiative @Xbox and rebooting #PerfectDark, it's time for me to say a tearful and bittersweet goodbye to my team at The Initiative.
(1/5) pic.twitter.com/LIY9AQDyTV— Drew Murray (@PlaidKnuckles) February 1, 2021
Phil Spencer, máximo responsábel da división Xbox, dedicou algunhas palabras de agradecemento a Murray polo esforzo e o traballo realizado durante este tempo. O agora extraballador de Microsoft posuía unha máis que dilatada experiencia na industria do videoxogo, participando en proxectos variados como Ratchet & Clank: Armado ata os dentes, dez anos dentro de Insomniac Games, amais de ser o director de Sunset Overdrive.
En principio, o desenvolvemento de Perfect Dark continuará o seu desenvolvemento, en exclusiva para Xbox e PC, malia que non hai ningunha fiestra de lanzamento nin nova información sobre a súa xogabilidade.