Dying Light 2 atrásase até novo aviso
A semana pasada produciuse unha pequena crise no mundo dos videoxogos. Unha tras outra, diversas compañías emitiron comunicados anunciando que os seus grandes títulos serían atrasados, postergando o seu lanzamento. Esa fervenza de decisións parece que non ten fin, xa que hoxe mesmo Techland anunciou que Dying Light 2 non chegará finalmente na data prevista.
Foi a través dunha publicación na súa conta de Twitter que realizaron este anuncio, na que non especifican ningunha xanela de lanzamento para o xogo de acción, zombis e mundo aberto, que se atopaba programado para esta primavera. O equipo desenvolvedor pediu desculpas e aclarou que «a nosa prioridade é ofrecer unha experiencia que sexa capaz de colmar e alcanzar os nosos altos estándares de calidade e as expectativas de vós, os nosos fans».
Deste xeito, Dying Light 2 atrásase de forma indefinida e pasa a formar parte da lista de xogos que comezaron o ano pospoñendo a súa data de lanzamento, como Final Fantasy VII ou Cyberpunk 2077.
Hey Survivors!
Here's the Dying Light 2 Development Update. pic.twitter.com/CKMkAe2eD7— Dying Light (@DyingLightGame) January 20, 2020




