E3 2021 :: Xbox e Bethesda aglutinarán as súas novidades nun mesmo evento

E3 2021 :: Xbox e Bethesda aglutinarán as súas novidades nun mesmo evento

Non é estraño, pois Bethesda agora forma parte da familia Microsoft, mais había certas dúbidas sobre se contaría cunha conferencia de seu no E3 deste ano. A resposta xa non é unha incógnita: Xbox e Bethesda realizarán un evento conxunto no que anunciarán as súas novidades. Será o 13 de xuño.

Así, no segundo dos días grandes do E3, Xbox Games Studios e Bethesda Games empezarán co seu evento ás 19 horas do domingo e xa avisan que serán 90 minutos de pura emoción, nun formato dixital, centrando a atención tanto en xogos propios (first party) como de terceiros.

Como non, o Game Pass terá un peso importante dentro do evento, pois alén de saber que todos os xogos publicados baixo o selo de Xbox Games Studios estarán dispoñibles de lanzamento no servizo de Microsoft, prometeron anuncios relacionados con incorporacións ao seu enorme catálogo. Nos últimos tempos, o Game Pass converteuse nunha das mellores ferramentas da compañía de Redmond para xerar ingresos e atraer novos xogadores.

Que podemos agardar? Por parte de Xbox é doado imaxinar que veremos en acción o Xefe Mestre, con ese Halo Infinite que ía estar de saída en Series X pero que finalmente —tras un polémico adianto— decidiu atrasar a súa saída. Tamén é máis que probable vermos algo novo de Rare, como ese futuro Everwild; de Avowed, o novo xogo de Obsidian; ou do Fable de Playground. E si, a continuación da historia de Senua,  Senua’s Saga: Hellblade II.

Doutra banda, Bethesda é máis que probable que faga fincapé en Deathloop e Ghostwire: Tokyo, aínda que eses xa sabemos que están aí. As sorpresas e as emocións chegarían con Starfield, algunha que outro nova IP e, si, quizais The Elders Scrolls VI. Por pedir que non sexa.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados