E3 :: As filtracións pásanlle factura a unha Ubisoft con tan só unha sorpresa

Ubisoft tirou de oficio, ensinou o que todo o mundo sabía que ía ensinar, salvo a excepción que confirma a regra, e non se despediu. Ou si. Ou non. Quizais deixou un MC rapeando e unha serie de xente xogando Rainbow Six: Siege. Non sei. Pero si sei que me quedou certa dúbida con este asunto.
A compañía francesa, rodeada polas filtracións estas últimas semanas viu a súa capacidade para sorprender reducida á mínima expresión. Unha mágoa. Tanto Watch Dogs Legion como Roller Champions merecían máis aplausos dos que se escoitaron no teatro pero… xa se sabía deles. Até parte das súas mecánicas transcenderan con antelación. Cando o público coñece as túas cartas, é moi difícil facer maxia. Houbo que agardar ao final para ver un nome descoñecido: Gods & Monsters. Un grolo agradable para paliar a sede, aínda que tardío. Tampouco pasou do tráiler.
Ao César o que é do César. A presentación empezou ben, sen baile, directa aos instintos primarios. Watch Dogs Legion transcorrerá nun Londres próximo, aínda que con moito aire cyberpunk. O Gran Irmán veo todo e as empresas militares privadas campan polas rúas. É o caldo de cultivo perfecto para crear unha resistencia que loite contra o réxime autoritario. E, claro, nun mundo real, calquera podería ser membro dunha célula antisistema. O teu veciño, o teu carniceiro, a túa avoa… Calquera anónimo, calquera personaxe, é digno de ter unha historia. Dicíao Rosendo, Sempre hai unha historia, por iso nesta nova entrega o xogador poderá controlar a calquera persoa que considere.
Si, semella tan ambicioso e interesante como soa. Ao longo dos próximos días é probable que se vaian disipando as sombras que hai sobre este novo sistema de xogo, pero a priori soa moi ben. O adianto, con moito gameplay, mostrouse máis que digno e deixa con gana de máis. Inclusive o humor do que se fixo gala estivo acertado –por certo, tamén se presentou unha serie cómica para Apple TV, Mythic Quest: Rávens Banquet, con Robb McElhenney como protagonista–. O 6 de marzo aterrará en todas as plataformas habituais, ademais de Stadia e Uplay+.
O que? Dixital+? Canal+? Non, non. Uplay+. Xa que sae a escena o seu nome, case é mellor deixar este apartado pechado. Evidentemente, Uplay+ non é outra cousa que o novo servizo de subscrición de Ubisoft. Será lanzado oficialmente o 3 de setembro de 2019 para Windows por 14.99 euros ao mes. Que ofrecerá? Acceso ilimitado para descargar máis de 100 xogos, incluíndo novos lanzamentos, as últimas estreas, títulos clásicos de Ubisoft, edicións especiais e packs de contido adicional. Tiña que chegar e chegou. Se existía EA Access, era incompresíbel que, co enorme catálogo que posúen os franceses, non quixesen os galos lanzar tamén unha opción similar.
Cómpre falar tamén de Tom Clancy. O escritor estadounidense morreu en outubro de 2013, pero o seu nome continúa sendo o contrasinal dunha compañía que non quere despegarse da súa marca. Até cinco títulos de todos os que gozaron de algo de protagonismo na conferencia luciron ao autor no seu subtítulo. Ningún Splinter Cell, iso si.
Primeiro, os coñecidos. De Rainbow Six Siege presentouse a súa Operación Phantom Sight. Trae dous novos axentes a elixir durante as partidas, Nøkk e Warden, e un redeseño para o mapa do Café Dostoyevsky. Xa está dispoñible para todas as plataformas. Outro que non faltou á cita foi Ghost Recon Breakpoint, que confirmou a súa beta entre os días 5 o 8 de setembro. Calquera que estea interesado en participar neste proceso de proba pode inscribirse aquí. Oficialmente chegará o 4 de outubro ás plataformas habituais, aínda que tamén estará en Stadia como se confirmou no directo de Google de hai uns días. É a evolución natural de Widlands.
Tamén filtrado días atrás, deixouse ver o primeiro anuncio de Rainbow Six Quarantine. Trátase dun shooter táctico cooperativo para tres xogadores cunha premisa totalmente orixinal dentro da franquía. Está a ser desenvolto por Ubisoft Montreal e ambiéntase nun futuro próximo. Segundo parece, os xogadores deberán enfrontarse cunha cepa mutada moi letal dun parasito alieníxena que infecta aos seres humanos. Supervivencia e disparos, boa combinación. Poderemos gozalo a principios do próximo 2020. Iso si, antes chegará Elite Squad, un RPG militar F2 P para dispositivos móbiles, baseado no lore de Ghost Recon, Splinter Cell, The Division e Rainbow Six. Un pouco de todo, que non falte nadiña. Batallas PvP e un modo campaña cunha historia por descubrir.
Por suposto, The Division 2 tamén tivo minutos, bastantes. A estas alturas é difícil non ver ao título francés como un dos mellores, senón o mellor, looter-shooter do mercado, por iso era evidente que anunciaría novo contido nos Ángeles. Puidemos ver detalles sobre os tres episodios de historia que faltan por chegar. Cada un traerá novas zonas, recompensas e demais elementos in-game. Como curiosidade, dicir que volveremos a Nova Iorque, chegado o momento. Tamén lembraron que Netflix está a traballar nunha película sobre o videoxogo, con Jake Gyllenhaal como protagonista.
Pechado o tramo dos Tom Clancy, é necesario facer unha parada técnica en ForHonor. O título que Ubisoft conseguiu salvar do desastre e dun esquecemento prematuro, e presentou ao público presente o seu evento Sombras do Hitokiri. Si, xa se pode desde este momento e até o 27 de xuño. Relaciónase cos recentemente engadidos Hitokiri, guerreiros pantasma que perderon toda fe na humanidade. Nese purgatorio do esquecemento semella estar Brawhalla –aínda que conte con máis de 25 millóns de usuarios a día de hoxe segundo os datos da compañía–, por iso os heroes de Hora de aventuras chegarán para soltar unhas cantas cachetadas e alegrarlle o día aos xogadores.
Roller Champions confirmou ser un xogo free-o-play e deu a sorpresa ao contar cunha demo xa na Uplay. Lanzarase a principios de 2020 e a mellor definición que pode recibir é a de ser un Rocket League sobre patíns. Se se confirma como tal, nin tan mal. Patinar, regatear, pasar e marcar. Mecánicas sinxelas que apostan pola diversión baseada na competición. A súa filtración enturbou a presentación. Contábase coa súa presenza, por iso, e a pesar de ser unha marca nova, a cousa non pasou do aplauso fácil.
Quizais por iso, polo simple feito de que case ninguén sabía da súa existencia, Gods & Monsters entrou no teatro angelino como unha brisa fresca, esa que percibes cando procuras airear unha habitación tras dez horas de sesta ininterrompida. Desenvolto por Ubisoft Quebec, os creadores de Assassin’ s Crede Odyssey seica lle colleron o gusto á mitoloxía grega e queren seguir con ela. Un título que aposta polo mundo aberto e un estilo artístico pictórico e fantástico. Aos nosos pés a herba verde e sobre ela as criaturas que deberemos derrotar para salvar aos deuses. Épica a esgalla.
E si, claro que houbo baile. Como non ía haber baile. Just Dance 2020 cumpre anos e fará danzar ao ritmo de Daddy Yankee e BLACKPINK. Trae de volta o modo cooperativo e permítese a autohomenaxe e a autoparodia. Un pouco como toda a conferencia de Ubisoft. Os franceses saben ben quen son e onde van. Sorpresas as xustas. Semella que tan predo das portas da nova xeración é mellor gardar algunhas balas na recámara. A transición ao futuro é para todos. Hai que ir seguros.