E3 :: Así viviremos a maior feira sobre videoxogos do mundo

E3 :: Así viviremos a maior feira sobre videoxogos do mundo

Ao falarmos de videoxogos, hai un evento que fai a súa aparición no horizonte como unha miraxe que procura representar a toda unha industria: non é outro que o E3.

A feira de Los Ángeles, que dúbida cabe, é esa cita anual convertida en lenda por méritos de seu, e que nos últimos tempos acadou audiencias imposíbeis de imaxinar hai anos. A chegada das retransmisións en liña, a globalización da comunicación en estado puro, a posibilidade de estar alí sen ter unha acreditación ou un billete de avión logrou a estandarización do evento; todo o mundo opina sobre el, todo o mundo sabe o que alí ocorre.

Coido que isto é algo positivo. A industria mudou moito desde aqueles E3 grazas aos que as revistas nutrían os seus contidos durante todo o ano case en exclusiva; a visita a California era amortizada. Agora, o puro entretemento pasou a ocupar esa cara máis informativa, mesmo profesional, e o que temos perante nós é unha cita para facer soñar, rir e gozar. O espectáculo está garantido.

En Revista Morcego o orzamento finou o día que abrimos a páxina, por iso viaxar ao Convention Center de Los Ángeles supón un imposíbel –mais podemos soñar con tal asunto– a día de hoxe. Porén, si podemos prender o ordenador, configurar o OBS, poñer o micrófono a funcionar e pasarvos a ligazón da nosa canle de Twitch.

Así é. Cubriremos as principais conferencias do E3 a partires deste domingo 9 de xuño. A idea é comentar ao vivo todas esas imaxes que as principais compañías da industria do videoxogo teñen preparadas. O equipo do noso podcast, A Gruta de Gizamaluke, unirá forzas coa xente de Revolution Podcast –o que fai un total de cinco voces, máis algún posíbel invitado–.

Horarios

Domingo, 9 de xuño :: Abriremos o streaming ás 21 horas, unha horiña antes do comezo da conferencia de Microsoft. Durará dúas horas e será a charla máis longa desde tipo para a compañía americana na súa historia. Cando remate, seguiremos falando un anaco. Descansaremos un intre e volveremos para a conferencia de Bethesda –programada ás 2.30 horas do luns–.

Luns, 10 de xuño :: Seguimos co noso. Ás 18 horas comezamos a retransmisión para comentar o acontecido na última xornada e calmar a fame de novas. A conferencia de PC Gaming terá o seu inicio ás 19 horas, logo virá a de Ubisoft ás 22 horas e tentaremos sobrevivir cun breve descanso de madrugada para coller folgos e chegar á de Square Enix, ás 3 horas do martes.

Martes, 11 de xuño :: Derradeira xornada pero non menos importante. Pecharemos coa presentación de Nintendo ás 18 horas –unha hora antes estaremos xa activos para falar e comentar todo o acontecido os últimos días–. Logo, tocará sacar conclusións e ditar sentenza sobre o E3 2019.

 

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

2Comentarios
    • Juan Osuna
    • En: 07 de Xuño de 2019

    Ides publicar os audios en formato podcast?

    Saudos e grazas por todo (polo voso tempo, polo voso podcast e o voso cariño)

    Bicos

    Responder
    • Carlos Pereiro

      Pois… Estamos vendo aínda esa parte xa que non somos experos en OBS, gravación e tal.

      Se é posible, e non requiere excesiva edición (o noso tempo, por desgraza, é limitadísimo) si. Porén, en Twitch os videos poderanse ver unha vez rematados os directos.

      Responder
Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *