E3 :: EA dá o primeiro paso con Fallen Order, FIFA 20 e Apex Legends
A tan só unhas horas de abrir as portas o E3, Electronic Arts quixo adiantarse á feira propiamente dita e montar o seu evento EA Play tamén na cidade californiana dos Ángeles. A conferencia que ofreceu ao longo dunha hora pecou de pouco orixinal e cunha ausencia total de sorpresas. Ora ben, esa era a premisa inicial, a compañía norteamericana viña ao que viña: amosar ao mundo un gameplay de Fallen Order, sacar músculo con Apex Legends e o seu futuro a curto prazo, falar das novidades que chegarán para Battlefield V este verán, vivir a inevitable presenza de FIFA e MADDEN, e rematar a faena cunha nova expansión de The Sims 4.
Se non a puideches ver este sábado, aquí tes a posibilidade de revivila enteira.
Star Wars: Fallen Order, o retorno da Forza
Primeiro prato, o máis importante da xornada. Ningún segredo neste eido. Respawn Entertainment atópase detrás dun título que por fin fixo a súa aparición, amosou parte da súa xogabilidade e que, a primeira vista, parte como unha aposta pola aventura pura, máis próximo a Uncharted que a un hack & slash de Star Wars.
As referencias son varias. É inevitábel pensar mesmo na saga Souls de From Software ao ver que o sistema de combate do que fará gala o xogo é máis lento que rápido, e que conta con contraataques e inimigos moi agresivos no corpo a corpo. Se con isto non fose suficiente, tamén poderemos rodar para esquivar algúns ataques. Tamén hai pinceladas da saga Titanfall grazas á capacidade de correr polas paredes ou de usar un gancho para desprazarvos.
Os seus responsables aseguran que a Forza será un dos elementos fundamentais á hora de sobrevivir ao longo da aventura. De entrada puidemos ver o seu uso ofensivo contra inimigos (atraelos, empurralos…) e a posibilidade de abrir roteiros a medida que avanzamos (romper unha porta, facer baixar unha tubaxe…). Deixouse entrever tamén un sistema de tipo RPG, no que imos obtendo puntos de mellora para potenciar as nosas habilidades. O dobre salto do que facía gala o protagonista durante a demostración, pode obterse deste xeito.
Haberá combates contra xefes e aínda que a dificultade neste primeiro adianto non parecía elevada, os medios que puideron gozar doutro gameplay no propio evento advirten que é máis difícil do que poida parecer. Nese pase privado para prensa tamén se confirmou a posibilidade de pilotar vehículos como AT-AT.
Estaremos sós en Fallen Order? Desde logo que non. O vídeo dá a coñecer personaxes como Saw Gerrera, interpretado por Forrest Whitaker, e que pode soarche polo seu papel en Rogue One: A Star Wars Story. Nas nosas costas (literalmente) teremos un droide de exploración chamado BD-1 que nos axudará a movernos polo escenario e cartografar o mapa, pero que tamén contará cun papel narrativo segundo os responsables do título.
O gameplay ensinado atopábase nunha fase alpha, aínda que lucía particularmente ben. É certo que hai movementos que puír, tamén deseños; pero vese tal e como Respawn definiuno sempre: unha aventura en terceira persoa cun jedi como protagonista, sen DLC e centrada máis na narración que en calquera outro aspecto. Dito así, afástase potencialmente do arquetipo de videoxogo co que leva traballando EA estes últimos anos. Coido que é algo a ver dun xeito positivo. Estará dispoñible en PC, PlayStation 4 e Xbox One o 15 de novembro.
Apex Legends, novidades e armas para a súa supervivencia
Aínda que tivo un lanzamento e unha recepción espectacular, Apex Legends foi afogando aos poucos. A falta de novidades reais foi a causa, ou así o expresou a súa comunidade en máis dunha ocasión. Fóra de toda dúbida, o battle royale de Respawn foi un éxito rotundo e unha fonte de ingresos moi respectable para Electronic Arts. Non queren deixalo morrer, por iso lle foi outorgado o segundo acto da conferencia.
Que novidades amosou? A segunda tempada de Apex Legends engadirá unha nova lenda, un novo modo competitivo e un Pase de Batalla con desafíos diarios e semanais. Natalie ‘Wattson’ Paquette, únese á batalla e pon ao servizo do seu equipo as súas habilidades de enxeñeira eléctrica, podendo crear barreiras de alta voltaxe, tanto ofensivas como defensivas.
No novo modo competitivo, bautizado como Ranked 1.0, os xogadores enfrontaranse a medida que compiten para alcanzar os seis primeiros postos individuais (Bronce, Prata, Ouro, Platino, Diamante e Apex Predator), conseguindo cosméticos exclusivos e recompensas ao final de cada tempada en función do lugar que ocupen na clasificación. O 2 de xullo tamén chegará unha nova arma, a L-Star, un obxecto moi familiar para os xogadores de Titanfall.
FIFA 20, ou como recuperar o estrañado FIFA Street
Que o simulador deportivo de EA Sports é a súa galiña dos ovos de ouro é unha verdade coma un templo. A súa omnipresenza anual é obrigada, aínda que quizais sexa ese sistema estacional o que impide xerar unha sorpresa maior ao presentar as súas novidades ano tras ano.
Máis aló dos cambios implementados como as novas físicas do balón, o comportamento automático da defensa, o novo sistema de lanzamentos e de penalti… A maior revelación de FIFA 20 vén dada a través do seu modo Volta. Trátase dun modo de xogo que é, ao mesmo tempo, un título propio (semellante a GTA Online dentro de GTA V). Non o puidemos probar, claro, pero semella moi divertido e recupera a esencia daqueles FIFA Street que namoraron a máis dun. Terá o seu propio modo historia (dunhas seis horas de duración), independente do xa mítico O Camiño, que nos últimos anos conseguiu xerar moi boa recepción entre os seguidores da franquía.
Como é máis fácil ver os cambios que contalos, aquí tes a parte da conferencia adicada ao fútbol.
Battlefield V quere continuar medrando
A guerra segue presente en Electronic Arts, por iso DICE, o equipo sueco detrás de Battlefield V, ofreceu durante o seu momento protagonista unha ollada ao capítulo 4, que arrinca o 27 de xuño co mapa Al Sundan, seguido de Marita, que chegará en xullo. Tamén se proporcionarán novas armas para equipar aos soldados nestes novos escenarios. En agosto, chegarán os mapas Lofoten Islands e Provence. Un verán con novas frontes nas que competir, vaia.
Tamén puidemos ver un breve adianto do capítulo 5, que chegará en outono. O equipo de deseñadores explicou a través dalgunhas imaxes conceptuais que viaxaremos ata Iwo Jima para continuarmos a loitra contra o exército xaponés. Até tres mapas crearanse para revivir este período. Como non, chegarán máis armas e vehículos; tanto para o lado xaponés como o estadounidense.
Os Sims fanse tropicais
VidaIsleña (Island Living en inglés) é a nova expansión para The Sims 4. A súa existencia xa se filtrou con anterioridade, pero tocaba oficializar o asunto. Chegará este 21 de xuño para PC e Mac. Trae consigo un estilo tropical e festeiro, tamén pasado por auga se queremos navegar e ir á praia.
A expansión ten lugar nunha rexión tropical chamada Sulani. Aterrará con actividades orixinais como natación, mergullo ou condución de motos de auga, pero tamén outras con menos adrenalina, como construír castelos de area. Haberá novos traballos como o de salvavidas, e tarefas remuneradas como limpar as praias e mellorar o medio ambiente. Por suposto, tamén poderemos aprender sobre o pasado da illa, asistir a churascadas e até interactuar cos golfiños. E ser unha sirena? Tamén.