E3 :: Microsoft brilla e vive a maior conferencia da súa historia (Parte 2)

E3 :: Microsoft brilla e vive a maior conferencia da súa historia (Parte 2)

*Este artigo é a segunda parte dun especial sobre a conferencia de Microsoft no E3 2019. Tes o primeiro capítulo xusto aquí.

 

Lego Star Wars: Skywalker Saga

Unha nova entrega da divertida saga de bloques que desta vez traerá un recompilatorio de todas as películas do universo creado por George Lucas. A través da súa característica comedia, poderemos rememorar os mellores momentos dunha galaxia moi, moi afastada das tres triloxías de Star Wars. Sairá en 2020, despois do lanzamento da novena e derradeira película da franquía.

Dragon Ball Z: Kakarot

Unha vez máis, poderemos entrar na pel de Son Goku e vivir as súas aventuras durante a saga Z até a pelexa contra Freezer. Durante todo este tempo o xogo era coñecido como Project Z e agora, por fin, sabemos o título dun xogo no que parece que controlaremos unicamente a Goku e cuxo gameplay lembra bastante ao dos Dragon Ball Xenoverse. Chegará a principios de 2020.

12 Minutes

Un novo thriller da man de Annapurna Interactive, no que o noso protagonista verase atrapado nun bucle temporal co obxectivo, parece ser, de salvar á nosa esposa e dos perigos que nos axexan no fogar. Aínda non se concretou unha data de saída.

Way to the Woods

Interesante proposta a que nos ofrece a obra de Anthony Tan. Encarnamos un cervo que acompaña á súa cría ao longo dun mundo post-apocalíptico no que deben sobrevivir á espreita dun mal que lles persegue, grazas a uns poderes xerados polas hastas do cervo. Chegará en 2020.

Gears 5: Bound by Blood

A súa presenza era obrigatoria. O novo capítulo da franquía Gears amosou diversas novidade, mesmo unha colaboración con Terminator. Haberá que disparar, e moito.

Contará, tamén, cun novo modo multixogador chamado Escape e do que xa temos un gameplay de 14 minutos. Acción á esgalla, xa sabes.

E si, hai data para a súa chegada: o 10 de setembro.

Dying Light 2

A secuela da desarrolladora Techland chegará cinco anos despois a exitosa primeira entrega e promete acción, suspense e moito parkour.

Dying Light 2 convídanos a percorrer un mundo invadido por unha infección zombi en primeira persoa. Nesta ocasión o noso protagonista estará infectado, polo que a adrenalina estará polas nubes. Chegará a todas as plataformas na primavera de 2020.

Forza Horizon 4 Lego

Unha gran e divertida sorpresa con forma de expansión para o título de condución de Playground Games.

Coches, bloques e moita diversión neste contido descargable do que non coñecemos o seu prezo aínda e que chegará en tan só uns días, o 13 de xuño. Quen non quere un coche de Lego?

Gears Pop

Non podiamos escapar dos temidos Funko.

Gears of War lanzará unha versión para dispositivos móbiles baseada na súa popular franquía, cambiando completamente o seu modo de xogo achegándose ao ofrecido por Clash Royale. Chegará aos nosos móbiles iOS e Android nalgún momento do 2019.

State of Decay 2 Heartland

Outro contido descargable para a lista. State of Decay 2 recibirá unha nova expansión chamada Heartland e que nos permitirá controlar a unha parella de sobreviventes, podendo coñecer as súas historias.

Neste caso non é necesario agardar nin un minuto máis, xa que se lanzou directamente para a tenda dixital de Xbox e podes descargalo agora mesmo.

Phantasy Star Online 2

Gran sorpresa a que nos trouxo SEGA, xa que o seu gran MMORPG chegará a Occidente na primavera de 2020.

Porén, o lanzamento tan só está confirmado para territorio estadounidense. A compañía xaponesa non deu pistas sobre se chegará finalmente a Europa. Iso si, con este anuncio queda confirmado que poderá ser xogado en todas as plataformas do mercado.

Crossfire X

Probablemente descoñecido para a maior parte do público, Crossfire X trátase dun shooter en primeira persoa desenvolto pola empresa surcoreana SmileGate e que permaneceu en PC durante os seus doce anos de vida.

A partires de agora poderemos gozar dos seus combates en liña entre dous bandos na consola de Microsoft. Haberá que agardar até o 2020 para repartir disparos en Crossfire X.

Tales of Arise

A continuación da popular saga de Bandai Namco chegará a Xbox One, PS4 e PC nalgún momento de 2020.

A través do sistema Dynamic Action RPG, poderemos gozar duns gráficos de gran beleza nun xogo que de seguro encantará aos seguidores da franquía de Tales of.

Borderlands 3

Un adianto co que poñer os dentes longos a toda a comunidade dos videoxogos. Borderlands 3 está ao virar a esquina, o 13 de setembro.

Ademais, Gearbox presentou un novo DLC chamado Commander Lilith & The Fight for Sanctuary, que pode ser descargado de balde para todos aqueles posuidores dunha copia de Borderlands 2 e que axudará a conectar a historia da segunda entrega co próximo título.

Elden Ring

Os rumores eran certos. Elden Ring é o nome do novo título nado da colaboración entre Hidetaka Miyazaki e George R. R. Martin, creador de Xogo de Tronos.

Será un título na liña dos anteriores títulos de From Software, un Action RPG en terceira persoa cuxo mundo posuirá certa atmósfera fantástica e medieval. Nunha entrevista publicada por Xbox, Miyazaki explica que o título posuirá unha enorme dificultade e que estará centrado na parte da personalización e do roleo, en contraste con Sekiro, que puxo a acción por riba de todo.

Halo Infinite

A saga emblema de Microsoft regresa con máis forza que nunca. A través dun novo tráiler, os de 343 Industries mostraron un novo anel e a un Xefe Mestre listo para a batalla e que disporá dunha nova IA.

Xerado polo novo motor gráfico Slipspace, creado para Project Scarlett, Halo Infinite chegará a finais de 2020 a Xbox One, PC e a consola de nova xeración de Microsoft. O adianto loce espectacular.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.

Comentarios non permitidos
  1. […] Neste artigo poderás ler sobre o resto de títulos presentados. Seguimos! […]