E3 :: Mikami, Arkane Lyon e Doom salvan a Bethesda do desastre

E3 :: Mikami, Arkane Lyon e Doom salvan a Bethesda do desastre

Coido que nos Ángeles a conferencia de Bethesda resultou unha experiencia poética, festiva e con enormes novidades –iso é o que parecía que estaba a vivir un público totalmente fóra de lugar, a través de berros e aplausos sobre dimensionados–, pero na madrugada galega o aburrimento fíxose notar até límites insospeitados. Nas redes sociais tamén. A empresa estadounidense non conseguiu manter o tipo e realizou unha presentación por momentos vergoñosa, salvada só pola presenza de Shinji Mikami, os franceses Arkane Lyon e o poderío de DOOM Eternal.

Soa a descontento porque tras ver a conferencia deste 2019 de Bethesda é difícil achar felicidade ou positivismo. De xeito inexplicábel, a compañía dedicou toda a primeira parte da conferencia –uns corenta minutos– a falar dese fracaso maiúsculo que é Fallout 76, e outros títulos menores relacionados coa franquía The Elder Scrolls. Custa recoñecer ao estudio que estivo detrás de lanzamentos como Skyrim, Fallout 3 ou The Evil Within 2.

Anunciáronse novidades que, para a súa desgraza, lembran o fracaso que foi o último capítulo da franquía situada no Ermo. Engadiranse armas, misións e… NPCs. Bethesda tomou nota e quere salvar o seu videoxogo, pero a tarefa antóllase misión imposible. Por incluír, incluirán tamén un modo battle royale. A fuxida cara adiante é evidente, pero a pregunta xurdida durante a retransmisión que fixemos en Morcego, igual que nos comentarios das redes e foros de Internet era tamén clara: a alguén lle importa realmente?

Entre os diversos anuncios feitos deuse a coñecer que The Elder Scrolls: Blades sairá en Nintendo Switch e que The Elder Scrolls: Online, tamén recibirá novo contido –que estará dispoñible nos vindeiros meses–.

Por fin, o rumor fíxose realidade. A presenza de Shinji Mikami no E3 significaba xogo novo e así era. GhostWire: Tokyo é a nova aventura de acción e terror que está a desenvolver o seu equipo en Tango Gameworks. A obra foi presentada a través dunha espectacular cinemática que deixa con gana de saber máis, ora ben, haberá que agardar á nova xeración; non se deu nin unha data aproximada para a súa saída. Non importa. O hype está aí e en Mikami hai que confiar.

Tras o subidón de interese, chegoulle a quenda aos responsables de Arkane Lyon, autores de Dishonored, que saíron ao escenario e así falaren do seu novo videoxogo, Deathloop. Trátase dun título de acción con dous asasinos enfrontados como protagonistas no que semella ser un duelo eterno. O día remata cando un morre, pero todo volve comezar.

De novo, non se puido admirar ningún tipo de gameplay real. Tivemos que quedar cunha cinemática de gran calidade. Interese e atención, Arkane Lyon conseguen espertar os dous elementos.

A continuación fixo a súa aparición outro título co que xa se contaba, Wolfenstein: Youngblood. Presentou o seu modo cooperativo e lembrou o divertido que é matar, esnaquizar e executar nazis. Doutra banda, coñecemos tamén Commander Keen, un novo título para dispositivos móbiles. Rompendo un pouco o ritmo, presentouse ao público Orion, unha tecnoloxía de xogo en streaming que mellora o rendemento dos xogos. Non queda moi claro se esta conferencia era o escenario ideal para este tipo de anuncios. Rage 2, que viu a luz hai nada, tamén confirmou que terá novos contidos nun futuro.

Por último, o rei, fixo a súa aparición. DOOM Eternal contou cun adianto narrativo pero tamén cun longo gameplay onde confirmou todas as sospeitas: manterá as súas elevadas doses de violencia, os demos locen xeniais e disparar a todo o que se move sempre é a solución aos problemas da vida. Chegará o 22 de novembro de 2019, un mes que foi sumando lanzamentos ao longo destas semanas e que deixará as billeteiras da poboación en números vermellos.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados