E3 :: Project Scarlett pon data de inicio á nova xeración
Phil Spencer, responsable máximo da marca Xbox, víase eufórico onte. Sabía o que tiña entre mans. Información valiosa e posicionamento estratéxico. Sabía que unha hora e pico despois de iniciar a conferencia de Microsoft diríalle ao mundo a data da súa nova consola, unha máquina que para a compañía estadounidense deberá marcar a diferenza e volver gañar ese terreo que Sony e a súa PlayStation 4 lograron arrebatarlle nestes últimos anos a Xbox One.
Custa dicir, con total seguridade, que será Project Scarlett. É o nome real da consola? Do hardware en si? Ou fai referencia a todo un conxunto de elementos que configurarán a nova xeración de videoxogos? A aposta desta casa vai encamiñada nesa dirección. Saberémolo pronto, pois esta nova tecnoloxía verá a luz durante a recta final do ano que vén, no Nadal de 2020.
O executivo da marca verde sinalou que a nova videoconsola foi deseñada polo mesmo equipo que creou no seu momento toda a arquitectura da poderosa Xbox One X –a máquina máis potente do mercado actual–, e que en estará «totalmente focalizada nos videoxogos». Unha mensaxe clara e sucinta que quere marcar distancias co marketing confuso de Xbox One, presentado no seu día como un dispositivo multimedia. Fóra dúbidas. Aquí queremos xogar.
Catro veces máis potente que Xbox One
Nunha industria marcada polas cifras, Project Scarlett ten as súas. Desde Microsoft din que contará cun disco duro SSD –igual que PlayStation 5–, o que a convertirá nunha máquina catro veces máis rápida que a consola actual. Segundo os seus creadores, nela está condensado o futuro dos videoxogos e explican que os tempos de carga serán cousa do pasado.
«Non queremos construír só outra consola, queremos transformar o que lle ofrecemos aos afeccionados», é o dito que diversas caras, durante o vídeo de presentación, repetiron ao longo da presentación. A idea de levar os videoxogos a outro nivel está aí, aínda que tocará esperar ano e medio polo resultado final. É evidente, que antes veremos probas e demostracións.
Non, non se desvelou a aparencia de Project Scarlett. A día de hoxe nin sequera se pode dicir se existe xa unha carcasa definitiva, probablemente non. Iso si, entre as características que ofrecerá fálase de resolución 4k, posibilidade de chegar ás 120 fotogramas por segundo e tecnoloxía ray- tracing. Nada fóra do normal, sobre todo se temos en conta que os PC poden actualizarse ano a ano e as consolas deben ter un ciclo de vida máis longo.
A que xogaremos nesta nova etapa? Un título está claro: Halo Infinite. A nova entrega da todopoderosa franquía de acción en primeira persoa será o buque insignia de Scarlett. Toda unha chiscadela aos vellos tempos.
Está por chegar un 2020 que quere cambiar as regras do xogo. Oxalá.