Actualidade E3 :: Square Enix pérdese no seu propio ritmo nunha moi desequilibrada conferencia

E3 :: Square Enix pérdese no seu propio ritmo nunha moi desequilibrada conferencia

Após cubrir a conferencia de Square Enix, na miña cara debuxábase o mesmo patrón de liñas que Krusty o paiaso fixo seu logo dunha exposición a Proletario e Parásito. Non sei que fixo a compañía xaponesa. Non o sei non polos títulos, que si están anotados e ben apuntados, senón polo absurdo ritmo levado, o desequilibrio máximo ao que unha conferencia de corenta minutos pode aspirar, outorgando 20 minutos ao seu primeiro xogo e uns segundos, literalmente, a outros. Ademais de ausencias inexplicables, como a de Project Athia —tema de Sony?— ou de Final Fantasy XVI — comprensible, mais quizais un lembrete ou similar…—.

Así, e véndoo cos mellores ollos, Square Enix si sorprendeu ao presentaren algunhas historias interesantes, como a reaparición de Life is Strange, ou a creación dun Final Fantasy con Team Ninja ( Nioh), chamado Stranger of Paradise. Mais é que o compás e o tempo escollido facía imposible entender nada ou case nada.

Sexa como for, aquí quedan as presentacións realizadas durante a conferencia.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.