E3 :: Xbox aproveita o tempo e xoga as cartas precisas

E3 :: Xbox aproveita o tempo e xoga as cartas precisas

A falta de saber que fará Nintendo este mércores, Microsoft (Xbox + Bethesda) soubo xogar as mellores e máis precisas cartas durante a súa partida no E3. Cubriu a ficha de exercicios de xeito correcto: ritmo, número de xogos presentados, palabras as xustas, moitas datas e, claro, un Game Pass convertido no verdadeiro protagonista da compañía.

A marca verde foi das poucas que escoitou os espectadores e adaptou o discurso para eles. Aínda que non se trata de deixar de lado ás persoas detrás dos xogos, as charlas eternas e comentarios acerca dun futuro título non son a cousa mellor recibida da comunidade. Xbox tomou nota, e apostou polo simple: ensinar xogos e máis xogos, prometendo un 2022 brillante e ofrecendo esperanza para o futuro máis afastado a través duns estudios propios ( Obsidian, Bethesda, Playground, Ninja Theory…) que amosaron o seu potencial sen paliativos.

Así, a marca que dirixe o capitán Phil Spencer non necesitou de Elden Ring para sorprender. Porque tivo todo o demais: novas IPs, secuelas, títulos grandes, títulos máis humildes, exclusivos… Así é, Starfield, o próximo gran xogo de Bethesda será exclusivo de Xbox. A dúbida que pululaba pola industria desde a compra da empresa por Microsoft quedou liquidada. Xbox tirará de proteccionismo —polo menos un tempo— e ofrecerá en exclusiva os títulos de Bethesda. Ten todo o sentido o mundo, para que enganar a ninguén. Acabarán estes títulos na máquina de Sony? É posible, xa se verá, pero nestre intre a única data que hai está marcada cunha X no calendario.

Houbo ausencias notorias. Doeu non ter noticias de Avowed ou Senua’s Saga: Hellblade II, ou non saber algo máis sobre o xogo na nube; mais sería inxusto poñerse repunantes nunha conferencia moi por riba da media e, sobre todo, moi centrada e cos pés na terra, o que de novo pon sobre a mesa o bo facer de Xbox e a simple idea de aplaudila. A súa estratexia é boa e as súas intencións tamén. Toca ver se o público responde.

A continuación tes unha escolla de vídeos coas presentaciones más impactantes ou interesantes de todo o que foi ensinadoó. Desde Forza Horizon 5 a The Outer Worlds 2, pasando por Replaced, Age of Empires IV ou A Plague Tale: Requiem.

 

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados