Actualidade EA anuncia que Respawn Entertainment traballa en tres xogos de Star Wars

EA anuncia que Respawn Entertainment traballa en tres xogos de Star Wars

Electronic Arts acaba de anunciar que Respawn Entertainment ten até tres proxectos no forno relacionados coa franquía Star Wars. O primeiro que verá a luz está relacionado, como é natural, coa saga Jedi —posiblemente a continuación directa de Star Wars Jedi: Fallen Order—, no que traballa un equipo baixo a dirección de Stig Asmussen.

Doutra banda, estaría tamén en desenvolvemento un shooter en primeira persoa, dirixido por Peter Hischman, game director do estudio. O título estaría nos seus primeiros pasos de creación, polo que non deberiamos ter noticias reais sobre este até dentro de bastante tempo, e non esperar que vexa a luz ata o 2024 ou máis tarde.

Por último, a terceira aposta de EA coa marca Star Wars estaría centrada na estratexia e implicaría unha colaboración co estudio Bit Reactor, unha nova compañía formada por ex traballadores de Firaxis, con experiencia na creación de obras como Civilization ou XCOM.

O tres proxectos serán levados a bo porto baixo a batuta de Vince Zampella, director xeral e fundador de Respawn, e alma máter de Titanfall, Apex Legends e Star Wars Jedi: Fallen Order. Aínda que Electronic Arts perdeu a exclusividade á hora de desenvolver xogos de Star Wars —Ubisoft xa anunciou o seu—, a compañía sempre comentou que a súa idea era seguir elaborando xogos desta marca, sempre que chegase a acordos con ela.

Son, de socato, boas novas, malia afastar a fermosa idea de termos un título que continúe a xogabilidade e a historia de Titanfall.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.