Actualidade EA Originals presenta as súas tres novas aventuras independentes

EA Originals presenta as súas tres novas aventuras independentes

Electronic Arts tivo o seu intre de gloria deste verán co seu EA PlayLive , retransmisión que funcionou como sustitutiva da cita que desde hai tempo tiña nos Ángeles a semana do E3. Alén das súas franquías máis coñecidas ou de éxito, a compañía americana destinou boa parte do tempo para falar de tres obras de carácter independente, baixo o selo EA Originals. Os seus nomes son: It Takes Two, Lost in Random e Rocket Arena.

Chegará no 2021 Lost in Random de Zoink, unha aventura de acción gótica baseada nun conto de fadas cunha mensaxe moi actual. Ambientado nunha distopía onde a incerteza e o caos son as principais preocupacións, o videoxogo segue os pasos de Even, unha moza valente e Dicey, o seu compañeiro de dados vivente. Xuntos, embarcaranse nunha perigosa viaxe na que abrazarán o descoñecido e xogarán a súa mellor tirada para romper a maldición de Aleatorio.

Desenvolto por Final Strike Games en Seattle, un estudo especializado nos videoxogos multixogador e dirixido por grandes veteranos da industria, Rocket Arena é un hero shooter onde os xogadores e os seus equipos dominarán a arte do lanzamento de foguetes cun abanico de personaxes con diferentes habilidades, estilos de xogo personalizábeis e unha dose de acción moi competitiva.

It Takes Two será a próxima IP do aclamado estudio detrás do videoxogo A Way Out, título que tamén foi publicado baixo o selo de EA Originals. Baixo o liderado de Josef Fares, Hazelight Studios disponse a lanzar un videoxogo visionario que reinventará o seu xénero, levando aos xogadores unha aventura salvaxe e marabillosa que estará dispoñíbel no vindeiro ano. Josef Fares describe a súa visión do título como un videoxogo cooperativo único e variado que guiará os xogadores a través dunha viaxe emocional nun mundo fantástico.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.