Actualidade EA retira cinco xogos de Need for Speed das tendas dixitais

EA retira cinco xogos de Need for Speed das tendas dixitais

Non é algo estraño, pois sempre sucede nalgún momento do ano: unha compañía decide retirar algúns xogos dos andeis das tendas dixitais. Así acaba de facelo Electronic Arts, que decidiu gardar no baúl dos recordos cinco títulos da franquía Need for Speed. Non houbo aviso previo, polo que nin sequera os coleccionistas tiveron oportunidade de mercalos.

Así, desde onte, 31 de maio de 2021, Electronic Arts eliminou a posibilidade de comprar estas entregas das tendas dixitais de PC, PS3 e Xbox 360. A continuación tes a lista de obras desaparecidas:

  • Need for Speed Carbon
  • Need for Speed Undercover
  • Need for Speed Shift
  • Need for Speed Shift 2: Unleashed
  • Need for Speed: The Run

Destes cinco, o Need for Speed Undercover en Xbox Live aínda pode ser comprado por 19,99 euros, mais pronto deixará de estar dispoñible, supoñemos que horas. Por suposto, as compras in-game de todos os xogos tamén foron desactivadas, algo que garda relación directa coa segunda parte do anuncio da editora: o peche dos servidores o 31 de agosto, perdendo os seus modos en liña.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.