EA tamén anuncia as súas futuras pequenas xoias

Electronic Arts reservou todo o tempo da retransmisión do seu EA Play en xogos de gran calibre como Fallen Order e Apex Legends. Ora ben, finalizado o directo e a porta pechada para os medios acreditados, amosaron xogos de menor orzamento, aínda que cunha marcada aposta pola calidade. Estes son os EA Originals deste ano.
O primeiro deles é Lost In Random, desenvolto polo estudo Zoink! Games, autores de Fe, título que no pasado xa fora presentando baixo a mesma bandeira de EA Originals e que viu a luz o ano pasado. Será un título de acción e aventura cun acento no azar e a sorpresa grazas ao seu orixinal deseño.
O segundo dos xogos presentado ten por nome Rustheart. É un RPG cooperativo no que compartiremos aventuras cun robot manufacturado. Detrás desta obra atópase o persoal de Glowmade, creadores de WonderWorlds, título para dispositivos móbiles.
Pero o prato forte, sen dúbida, é a confirmación dun novo xogo desenvolto por Hazelight, o equipo responsable de A Way Out. Sobre este xogo aínda non temos datos concretos, pero uno dos seus directores, Josef Fares, afirma que é «unha experiencia completamente distinta ao resto de xogos» creados baixo o seu selo. Toca agardar novas futuras.

EA Origins sempre resulta un sopro de aire fresco dentro dunha compañía marcada polos grandes lanzamentos triplo A.