Actualidade EA trata de solucionar os problemas da demo VIP de Anthem

EA trata de solucionar os problemas da demo VIP de Anthem

Non tivo a demo VIP de Anthem a mellor estrea posible. Con acceso só para aqueles que teñen reservado o xogo e a subscritores dos servizos EA Access e Origin Access, son miles os xogadores que están gozando deste adianto ao longo desta fin de semana (o 27 de xaneiro péchase).

Por desgraza para EA, os seus servidores víronse, ou así se cría nun principio, saturados polo volume de usuarios e sucedéronse os problemas para acceder ao título de BioWare. Moitos xogadores pasaron as súas primeiras horas de xogo nunha cola virtual para poder acceder ao mundo de Anthem.

Con todo, Casey Hudson, de BioWare, declarou no seu Twitter persoal que non era tanto un problema dos servidores de EA, senón unha situación diferente que non fora detectada en anteriores probas. A medida que avanzaron as horas do venres a situación foi mellorando.

E dentro do xogo? Aínda que as críticas dos usuarios en canto á xogabilidade do título son positivas, tamén se experimentaron problemas de diversa índole: conxelacións, pantallas de carga que non cargan, bugs variados… En Xbox One, por exemplo, algúns xogadores que deebían ter acceso grazas á súa reserva non gozaron dese privilexio, non eran recoñecidos.

Tanto en PC coma en PS4, EA explicou que unha boa porcentaxe destes erros están xa liquidados, e que nas próximas horas tamén se corrixirán en Xbox One.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.