Actualidade EA e Motive confirmarn a revisión de Dead Space

EA e Motive confirmarn a revisión de Dead Space

Sería difícil cualificalo de sorpresa, primeiro polas ganas que a comunidade de xogadores tiña de velo, segundo porque este día tiña que chegar máis pronto que tarde. A revisión do primeiro Dead Space, desenvolto por Motive Studio, xa é oficial. Non hai data, mais sairá para PC, PlayStation 5 e Xbox Series X| S —non será interxeracional—.

Feito co motor gráfico —Frostbite, o do FIFA ou Anthem—, o  teaser ensina moi pouco, pero o suficiente para abrir o apetito. Un corredor, un inimigo mítico e un protagonista xa coñecido. Tamén un consello: «corta as súas extremidades». Por desgraza, a cousa semella que vai para longo. O máis probábel é que o xogo apareza en 2023 como pronto, nada de velo o ano que vén.

Na nota de prensa oficial aparecen explicadas as diferentes melloras na historia e os personaxes, amais dos habituais axustes no control, malia que a prioridade do proxecto sexa a de ser fiel á obra orixinal —con máis dunha década—. Roman Campos- Oriola, o director creativo, explica nunha entrevista a IGN que o equipo terá en conta o ocorrido nas secuelas e en produtos derivados como a película de animación. Non coa idea de estirar a trama, senón de fiar algúns fíos e engadir posibles referencias.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.