Actualidade Eiyuden Chronicle finaliza a súa campaña de Kickstarter e supera os 3,8 millóns de euros

Eiyuden Chronicle finaliza a súa campaña de Kickstarter e supera os 3,8 millóns de euros

Éxito absoluto. A campaña de Kickstarter de Eiyuden Chronicle resultou máis que satisfactoria após acadar 3,8 millóns de euros. Un total de 46.307 persoas achegaron o seu gran de area durante este tempo, superando amplamente a cifra inicial de medio millón de dólares.

Aínda que a chegada do sucesor espiritual de Suikoden xa é unha realidade, tamén o é a creación dun RPG en colaboración con Natsume-Atari. Ao alcanzar esta suma de fondos, publicarase este título que chegará ao mercado antes que o propio Eiyuden Chronicle. A obra incluirá mecánicas dirixidas a construír nosa propia casa e os materiais que obteñamos poderán ser transferidos ao xogo principal.

Malia o comentado, non todo son boas novas. Desde Rabbit & Bear Studios aclararon que terán que cobrar polo título, xa que os fabricantes de consolas cobran un 30 % do prezo base para entregar os códigos de descarga que se envían aos mecenas.

Eiyuden Chronicle chegará en 2022 coas súas correspondentes versións para Xbox One, Xbox Series X, PC, PS4 e PS5. En palabras dos seus desenvolvedores, «trátase dunha homenaxe aos JRPG clásicos da primeira PlayStation que conta con gráficos 2.5D, máis de cen personaxes que se poden unir ao noso grupo e un sistema de construción de fortalezas».

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.