Actualidade O Goberno avanza na inclusión das caixas de loot na Lei do Xogo

O Goberno avanza na inclusión das caixas de loot na Lei do Xogo

Aos poucos, as coñecidas como caixas de loot, caixas de botín ou loot boxes fóronse colocando no punto de mira da Administración. Mikel Arana, director xeral do Xogo, confirmou en declaracións oficiais a intención do Ministerio de Consumo de incluílas na próxima reformulación da Lei do Xogo.

É pronto para celebrar, é certo, pero é un paso máis na regulación dun dos elementos máis polémicos que habitan os xogos, cada ano de xeito máis habitual. A idea da súa inclusión na nova lei sería definir as loot boxes como xogos de azar. Que ocorrería? Só os maiores de idade poderían adquirir este produto dixital.

Calquera que comprase algunha caixa de botín ao longo da súa vida, saberá que o seu comportamento e a súa forma non dista moito da típica máquina comecartos que agarda en calquera taberna. O Ministerio de Consumo cre que mercar caixas de loot pode incitar comportamentos compulsivos asociados ao azar, así como normalizar prácticas nocivas, fomentando dinámicas de xogo e apostas.

Outro elemento importante, mencionado polo Ministerio para a regulación, vén dado polo descoñecemento da maioría de titores sobre a existencia deste tipo de elementos en videoxogos que moitas veces son gratuítos, o que impide o seu control. «Queremos tomar medidas para poñer remedio a unha cuestión que se está a paroducir e que pode ser perigosa no futuro. E é que as loot boxes sexan unha práctica de entrada ao xogo por parte de nenos, adolescentes e de poboación moi nova. Tendo en conta, ademais, que polos datos e estudos que temos, a poboación máis nova é a máis vulnerable a consolidar esas prácticas perigosas de xogo no futuro», comentou Arana nunha entrevista concedida a El Diario.

Non é a primeira vez que o Goberno fala sobre comezar a lexislar máis duramente estas prácticas, acción que xa se aplicou xa en Francia ou Bélxica, obrigando a compañías como Valve, Electronic Arts ou Blizzard a modificar os seus títulos nestes países. Compañías como Take-Two tiveron que pagar, mesmo, sancións económicas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.